O Concello convoca cursos en liña sobre “Emprendemento cooperativo”, “Cultura financieira” e “Plan de empresa”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
David Pita (1).jpg

A primeira formación comezará o 15 de setembro e será sobre emprendemento cooperativo 

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou esta mañá tres cursos en liña para o emprendemento organizados polo Concello naronés e subvencionados pola administración autonómica  (en colaboración coa Rede Eusumo de Galicia) e o Fondo Social Europeo. Trátase de formación de balde, dirixidos a público en xeral pero para cuxa participación terán prioridade as mulleres, as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou vencelladas á economía social, tal e como avanzou o edil naronés. “Trátase duns cursos encamiñados a fomentar o cooperativismo para impulsar a creación de novas empresas no concello”, apuntou Pita.

O edil naronés explicou que os cursos convocados, con trinta prazas en cada un deles, son de “Aprender a emprender. Formación para o Emprendemento cooperativo”, que terá lugar entre o 15 de setembro e o 13 de outubro; “Cultura financieira e finanzas éticas para o emprendemento”, do 22 de setembro ao 19 de outubro, e “Como elaborar un Plan de Empresa cooperativa”, do 29 de setembro ao 27 de outubro. “A finalidade dos cursos é dar a coñecer como constituír unha empresa cooperativa, as súas características, ver a posible rendabilidade das propostas…”, explicou.

O curso sobre “Aprender a emprender. Formación para o emprendemento cooperativo” terá unha duración total de 60 horas e ten entre os seus obxectivos analizar o perfil da persoa emprendedora, describir a estrutura dunha empresa cooperativa, cos trámites precisos para poñela en marcha, e ofrecer ao alumnado unha serie de pautas e nocións básicas para describir correctamente unha idea de negocio e analizar as súas potencialidades.

Outra das propostas é sobre “Cultura financieira e finanzas técnicas para o emprendemento”, tamén de 60 horas de duración e na que, avanzando na creación dunha cooperativa, se aprenderán os conceptos básicos sobre o funcionamento dunha economía, as decisións económicas dunha empresa, os diferentes mercados, produtos e intermediarios financieiros… e, en definitiva, a familiarizarse co funcionamento dunha economía moderna.

Por último, o curso sobre “Como elaborar un Plan de empresa cooperativa”, que ao igual que os dous anteriores terá unha duración de 60 horas, ten entre os seus obxectivos incidir na utilidade e importancia dun Plan de empresa cooperativo e capacitar ao alumnado para a súa creación, así como ofrecer os conceptos clave e as ferramentas para realizar plans de mercadotecnia, económico-financieiro, producción e de recursos humanos dun xeito práctico e profesional.

“Dende o concello consideramos que é moi importante fomentar a sociedade cooperativista, que cremos que é unha modalidade de empresa que ten moitos beneficios para a sociedade e un valor engadido de que permite incrementar o tecido empresarial na cidade”, indicou Pita. O concelleiro recordou que Narón “conta xa cunha traxectoria no que respecta ao cooperativismo, polo que é importante seguir incentivándoo e traballar nesta liña”.

Pita confiou en que esta iniciativa “teña moito éxito e que de aí poida crearse algunha nova cooperativa que permita o asentamento de empresas na nosa cidade e xerar novos postos de traballo”.

As persoas interesadas en inscribirse deben cubrir un formulario de inscrición, ao que poderán acceder dende o enderezo: cursosnaron.formacionenrede.com.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar