O Concello inicia as campañas 'A túa vella bici vale un sorriso' e 'Viste a túa bici ou patinete de Nadal'

Versión para impresoraEnviar a un amigo
patientes (1).png

O obxectivo é doar os patinetes e bicicletas recollidas ás familias máis vulnerables do municipio.

O Concello organiza un ano máis a campaña 'A túa vella bici vale un sorriso', dirixida á cidadanía en xeral e co obxectivo de recoller bicicletas e patinetes para doar ás familias máis vulnerables. A iniciativa parte da Concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe o edil Román Romero, e o equipo de Educación Viaria encargarase de recoller as bicis e patinetes e proceder á súa correcta desinfección antes de entregalos. As familias con escasos recursos poden chamar aos números de teléfono 666 438 222 ou 600 448 730 para que lles indiquen o procedemento para poder recibir algunha destas bicis ou patinetes.

Romero explicou que este ano, debido á situación sanitaria, “gustaríanos que a xente que teña bicicletas estáticas e non faga uso delas participe nesta campaña porque tentaremos que nos colexios se leven a cabo máis actividades con elas, similares á Marcha Ciclista Virtual que se realizou o pasado día 25 de novembro e que resultou todo un éxito”. As bicicletas estáticas doaríanse, no marco desta mesma campaña, aos centros de ensino da cidade.

Tanto as bicicletas como os patinetes pódense entregar nos centros de ensino da cidade ata o 22 de decembro ou no Concello –no departamento de Educación Viaria, na planta de acceso- en horario de mañá ata o vindeiro 5 de xaneiro.

A maiores, o edil naronés explicou que tamén se levará a cabo a iniciativa 'Viste a túa bici ou patinete de Nadal'. Respecto á mesma Romero indicou que “dende hoxe, as persoas que queiran participar deberán enviar ao correo electrónico: seguridadevial@naron.es unha fotografía da nena ou neno camiño do colexio na súa bicicleta ou patinete decorados con motivos ou adornos de Nadal, indicando o nome e apelidos do menor, o colexio ao que se dirixe e o curso no que está”. Sobre esta proposta Romero avanzou que “todas as nenas e nenos polo feito de participar recibirán un agasallo e, a maiores, participarán no sorteo de dez entradas dobres para o cine”.

O concelleiro de Seguridade Cidadá animou ás persoas que poidan colaborar a participar na campaña de doazón de bicicletas e patinetes “para así dar unha segunda vida a esas bicis ou patinetes que xa non se usan e que se entregarán a menores con escasos recursos como agasallo de Nadal”. Así mesmo, convidou ás nenas e nenos a participar na campaña de decoración navideña de bicis e patinetes “para ambientar un pouco estas datas nas que nos atopamos, nuns tempos complicados pola situación sanitaria e facendo que na medida do posible e cumprindo todas as indicacións das autoridades sanitarias os nenos e nenas poidan desfrutar de iniciativas como esta”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar