Case 300 escolares da cidade participaron nos obradoiros de prevención de condutas adictivas e de habilidades sociais impartidos polo Concello en colaboración con Asfedro

Versión para impresoraEnviar a un amigo
telefono_29042021_dameuntoke.png

A concelleira de Ensino destacou a implicación do alumnado e tamén das súas familias nestas convocatorias que se desenvolven dende hai varios anos na cidade a través dun programa municipal.

Un total de 292 alumnas e alumnos dos IES As Telleiras e Terra de Trasancos e do colexio Santiago Apóstol participaron nos obradoiros de prevención de condutas adictivas e de habilidades sociais impulsados a través do Concello de Narón no marco do convenio coa Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro). A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou o éxito desta convocatoria “a través da que se ofrecen aos menores coñecementos sobre adopción de estilos de vida saudables, fomentando factores de prevención e reducindo conductas adictivas e tamén potenciando entre eles a aprendizaxe de novas habilidades sociais básicas a través destes dous obradoiros”.

No que respecta aos vencellados á prevención de condutas adictivas realizaron os obradoiros 54 alumnas/os de cuarto de ESO do IES Terra de Trasancos; 81 de terceiro de ESO do IES As Telleiras; 52 de terceiro de ESO e 22 de cuarto de ESO do colexio Santiago Apóstol. Nas sesións explícase que é unha adicción e os diferentes tipos, centrándose nalgunhas como as drogas e os seus efectos. “É moi importante que as rapazas e rapaces teñan moi claro os graves riscos que están asociados ao consumo de drogas, especialmente o tabaco, o alcohol e o cannabis, para deste xeito poder corrixir algúns mitos sociais sobre este grave problema e informalos, orientalos e asesoralos poñendo á súa disposición os recursos necesarios para erradicalas”, explicou Taibo.

En canto aos obradoiros de habilidades sociais, participaron 61 alumnas e alumnos de segundo curso de ESO e 22 de cuarto de ESO do colexio Santiago Apóstol. Neste caso, tal e como indicou a edil naronesa, as sesións céntranse en que os escolares adquiran coñecementos sobre habilidades sociais básicas, aprendan a solventar conflitos e tamén fomentar a cooperación, empatía e respecto como vías de comunicación asertiva. “Estes obradoiros permiten ao mesmo tempo ofrecer unha certa protección ante as condutas adictivas e proporcionan medios para que poidan responder dun xeito saudable aos retos do ambiente”, asegurou Taibo.

No programa municipal tamén se implica directamente ás familias a través das Escolas de Familia, con obradoiros que se realizarán a partir do vindeiro mes de maio e nos que tamén se abordan temas como a prevención de condutas adictivas; os riscos das novas tecnoloxías da información e a comunicación… “Nas Escolas de Familia buscamos a implicación dos pais, nais e titores/as dos rapaces e rapazas como axentes de saúde, co obxectivo de que poidan dispoñer dos coñecementos necesarios para abordar en tempo e forma este tipo de problemáticas no caso de detectar algún síntoma”, subliñou.

A concelleira de Ensino destacou a implicación do alumnado e tamén das súas familias nestas convocatorias que se desenvolven dende hai varios anos na cidade a través dun programa municipal.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar