Os edís de Mocidade, Pablo Mauriz, e Ensino, Mercedes Taibo –coordinadora do Servizo Sociocomunitario-, desprazáronse o domingo 12 ás instalacións do parque temático de Aldea Nova para despedir ás mozas e mozos que participaron no programa “KDD X Igual"

Versión para impresoraEnviar a un amigo
KDD X Igual Mocidade 2020.jpg

A resposta dos menores participantes foi moi positiva respecto ao programa, asegurando que repetirían a experiencia.

Os edís de Mocidade, Pablo Mauriz, e Ensino, Mercedes Taibo –coordinadora do Servizo Sociocomunitario-, desprazáronse o pasado domingo 12 de xullo ás instalacións do parque temático de Aldea Nova, en Sedes, para despedir ás mozas e mozos que participaron no programa “KDD X Igual Mocidade 2020”, organizado polo Concello. Dende o pasado 6 de xullo e ata onte un total de dezaoito rapazas e rapaces –nados entre 2002 e 2007- participaron cada mañá en Aldea Nova en diferentes actividades e o pasado venres e sábado pernoctaron nas citadas instalacións para, no mediodía do domingo, dar por finalizada esta convocatoria. Os participantes aseguráronlles aos edís naroneses que gozaran moito coas actividades que levaron a cabo ao longo da anterior semana, entre elas paddle, surf e un obradoiro sobre Igualdade e diversidade, se ben tamén se implicaron moi activamente en roteiros de sendeirismo, accións deportivas e un obradoiro de creación de videoxogos, entre outros.

No momento de despedir ao grupo de participantes Pablo Mauriz e Mercedes Taibo agradecéronlles a súa implicación, ao tempo que os menores lles aseguraban que foi unha moi boa experiencia para eles e a súa intención de repetir o vindeiro ano.

O Concello ten a maiores outro programa impulsado a través do Servizo Sociocomunitario Municipal: “Peke Aldea”, dirixido a nenas e nenos nados entre 2008 e 2016. Trátase tamén dunha proposta que se desenvolve nas instalacións de Aldea Nova, en Sedes, e para a que se programaron catro quendas nos meses de xullo e agosto, todas elas semanais. Os participantes –ofertáronse un total de 90 prazas, tamén de balde- realizaron actividades relacionadas coa robótica Lego, de horticultura, experimentos, lectoescritura, e construción de maquetas, entre outras.

“Trátase de dous programas a través dos que quixemos apostar por favorecer dende o Concello ás nosas veciñas e veciños a conciliación da súa vida laboral e familiar”, aseguraron os edís naroneses, que recordaron que, a maiores, hai unha terceira proposta, impulsada dende o Padroado da Cultura, os “Campamentos culturais de verán”. Neste caso, trátase dunha iniciativa para menores de entre 3 e 12 anos con actividades de luns a venres, organizada por quendas e para a que quedan algunhas vacantes. Entre as 8.00 e as 14.00 horasas nenas e nenos realizan unha gran variedade de actividades, tanto dentro como fóra do Pazo da Cultura. As persoas que queiran inscribirse –hai que pagar unha taxa de 11,20 euros por quenda- poden realizar os trámites, no caso de que queden vacantes na quenda solicitada, nas oficinas do Pazo da Cultura, de 9.30 a 13.30 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Narón.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar