NOVAS

Aberta a convocatoria para os campos de traballo Verán 2012

Publicado o 18 de Abril de 2012

Xa podedes consultar as novidades con respecto aos "Campos de Traballo 2012".

Podedes consultalas na web "Acción de Verán 2012”: prazas ofertadas, condicións xerais, documentación a entregar, información e teléfonos...

A Campaña de Verán 2012 busca favorecer que a xuventude empregue parte do seu tempo vacacional en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional.

'Acción de Verán' é un programa de actividades que ten lugar durante os meses de xullo e agosto, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas. Está composto por diferentes áreas, que comprenden actividades de lecer para toda a xuventude e actividades de voluntariado en campos de traballo nacionais e estranxeiros.

As actividades da campaña de verán están dirixidas a todos aqueles mozos e mozas que desexen pasar un verán diferente, cooperando en iniciativas sociais ou compartindo experiencias con outros rapaces en campamentos de todo o estado. Son unha forma económica e divertida de axudar e gozar. Este ano tedes opción a 7 campos distintos repartidos por toda Galicia, a 41 nas diferentes Comunidades Autónomas e a 63 en diversos países estranxeiros.