NOVAS

Como escribimos na Internet?

Publicado o 04 de Setembro de 2012

Redactar adecuadamente as nosas opinións na Internet facilítanos obter unha interacción adecuada con outras persoas e compartir o noso coñecemento e pensamento.

As nosas mensaxes deben ser claras e estar correctamente escritas para garantir a súa lexibilidade por parte dos receptores. Agás erro, debemos procurar unha boa redacción e unha correcta ortografía nos nosos escritos. Ademais, debemos absternos de utilizar cores e fontes tipográficas que poidan dificultar a lectura.

Como ben sabedes, amigas e amigos, a Internet é unha nova canle de comunicación que ata hai ben pouco non existía. As versións máis antigas remóntanse a finais dos anos cincuenta do século pasado e non foi ata a década do 1990-2000 cando esta rede de computadores interconectados callou. 

Hoxe en día a Internet forma parte das nosas vidas para comunicarnos con compañeiras e compañeiros da escola, buscar traballo, participar en foros de debate, realizar compras ou aportar coñecemento sobre unha afección.

Non quero ser unha / un “HOYGAN”!

Os “OIGAN” son aqueles internautas que por descoñecemento ou por desidia, omiten as regras básicas de ortografía ao escribir na Internet. Aínda que na meirande parte dos casos os usuarios tratan de respectar as regras ortográficas, existe unha cantidade salientable deles que non o fan.

Os foros de debate, unha  das principais ferramentas de comunicación na Internet, bautizaron como HOYGAN a aqueles que por descoñecemento ou desinterese ignoran as normas de ortografía. 

A orixe do termo está na palabra que utilizaban para comezar as súas intervencións, a palabra “oigan” con faltas ortográficas notables; é dicir, frases como: 

“hoygan, nesecitaría que me digeran”

Ademais, o termo escrébese en maiúsculas xa que moitos destes usuarios utilízanas nas súas comunicacións, o que se interpreta como un berro na Rede e está moi mal visto.

Entón que normas debo seguir?

En Dameuntoke cremos que o mellor consello é utilizar o sentido común. Debemos ter en conta que as nosas aportacións na Internet van definindo a nosa Identidade Dixital, é dicir, a imaxe que terceiras persoas teñen de nós. 

Estes son os nosos consellos:

Uso de maiúsculas: Na Rede, ao carecer de comunicación non verbal, o uso de escritura en maiúsculas interprétase coma un berro, de xeito que debemos evitar a publicación de textos con esa característica e procuraremos utilizar estas de forma correcta e cando correspondan.

Linguaxe SMS:  Internet non é un móbil e non implica unha restrición de carácteres nas nosas mensaxes, polo que evitaremos o uso da linguaxe SMS sempre.

Corrección ortográfica:  As nosas mensaxes deben ser claras e estar correctamente escritas para garantir a súa lexibilidade por parte dos receptores. Agás erro, debemos procurar unha boa redacción e unha correcta ortografía nos nosos escritos. 

Respecto polos interlocutores: Aínda que ás veces se nos poida esquecer, ao outro lado temos persoas coma nós que nos len, polo que hai que tratalas como tales, brindándolles respecto e poñéndonos no seu lugar para tratar de entender as súas opinións. 

Adecuación ao contexto: A Internet é moi grande e nela podemos atopar multitude de temas e opinións. Debemos coñecer e adaptarnos aos temas que se tratan nunha comunicación determinada antes de publicar a nosa opinión, de xeito que esta sexa acorde aos asuntos que se estean a tratar e non rompan co diálogo. Non é de boa educación que se os usuarios están a falar dun tema concreto nós publiquemos a nosa opinión sobre outro que nada ten que ver. 

A ter en conta na nosa comarca

Se che gusta o mundo da Internet, o software e a cultura libre non o dubides contacta coa Asociación Comunidade O Zulo. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que traballa por difundir o software e a cultura libre e por construír unha sociedade máis xusta.

Esta asociación está formada por un grupo de persoas multidisciplinar: cociñeiros, biólogos, informáticos, estudantes, xubilados, avogados… con intereses común no mundo da Internet.

Aínda que non todos os membros están afincados na comarca de Ferrolterra, están en contacto directo a través das redes sociais e as roldas de correo da Asociación organizando diferentes actividades ao longo do ano.

Esta é a ligazón a súa web: #mce_temp_url# http://www.comunidadeozulo.org 

Unha aposta do noso Concello

A concellería de Mocidade e Deportes, dirixida por Natalia Hermida Rico, leva anos apostando por un uso responsable das Novas Tecnoloxías. A nosa concellería é consciente da importancia que hoxe ten a Internet en todos os ámbitos das nosas vidas: na educación, na busca de emprego, na mellora competencial, no acceso á información, na xeración de novas iniciativas emprendedoras…

É por este motivo que ante calquera dúbida ou suxestión vos animamos a contactar con nós a través do correo mocidade@naron.es 

Intentaremos darvos a mellor das respostas posibles!