NOVAS

O Concello abre o prazo de inscrición nos obradoiros Educorumbo, de reforzo educativo para menores en risco de exclusión social

Publicado o 02 de Novembro de 2020

O prazo ficará aberto até esgotar todas as prazas ofertadas

O Concello organiza a través das áreas de Ensino e Benestar Social o programa Educorumbo, uns obradoiros de reforzo educativo dirixidos a menores en risco de exclusión social. As edís responsables das citadas áreas municipais, Mercedes Taibo e Catalina García respectivamente, anunciaron que o pasado venres abriu o prazo de inscrición –de balde- nesta convocatoria para alumnado de centros educativos de Narón cursando ESO ou FPBI derivados polo Servizo Sociocomunitario. Hai un total de 32 prazas, e as clases desenvolveranse nas instalacións da Casa da Mocidade entre este luns 2 de novembro e o 31 de maio de 2021.

Os participantes dividiranse en diferentes grupos por días e horas para dar cumprimento ás medidas de aforo en vigor implantadas debido á actual situación sanitaria. Entre os obxectivos deste programa, tal e como explicaron as edís naronesas, está “potenciar todas as capacidades do alumnado para lograr a súa inserción, o pleno desenvolvemento, a integración e a participación na vida social e persoal”. Favorecer melloras na autoestima e nos hábitos de vida e adquirir competencias sociais son tamén dous dos obxectivos desta convocatoria, na que se abordarán temas como o apoio escolar, a activación saudable, actividades de lecer e tempo libre, educación en habilidades sociais e apoio, orientación e intervención familiar.

As solicitudes poden presentarse a través da Sede Electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O formulario de inscrición estará dispoñible na Sede Electrónica do Concello e o prazo para anotarse estará aberto ata esgotar todas as prazas ofertadas, que se cubrirán por orde de inscrición.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1111, 1108 ou 1109) ou escribir un correo electrónico á dirección omix@naron.es.