NOVAS

O Concello abre o prazo de inscripción para asistir ás clases da Escola Municipal de Música Moderna

Publicado o 17 de Outubro de 2011

As clases de música ofrecen a posibilidade de aprender a tocar os instrumentos de guitarra, batería e baixo.

A Concellería de Mocidade de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, abrirá o vindeiro dia 18 de outubro o prazo de inscripción para asistir ás clases da Escola de Música Moderna (situada na Casa da Mocidade, en A Gándara). Os interesados poden apuntarse –ata esgotar prazas- na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada no 1º andar do Concello.

As clases de música ofrecen a posibilidade de aprender a tocar os instrumentos de guitarra, batería e baixo. Haberá dous niveis –iniciación e perfeccionamento- e están dirixidas a mozos/as de 12 a 26 anos empadroados en Narón. As clases de aprendizaxe musical de guitarra terán tres horarios posibles, en función dos coñecementos previos do alumnado –haberá dous grupos de iniciación e un de perfeccionamento- mentres que as clases de batería e baixo comenzarán cun único horario, tendo a posibilidade de incrementarse en función da demanda existente.

Ademáis, o Concello tamén ofrece Aulas de Ensaio para os grupos de música, de martes a sábados na marxe horaria de 16:00 a 22:30 horas. Para facer uso destas instalacións, é necesario que os grupos de música teñan como mínimo un membro empadroado en Narón. A Concellería de Mocidade ofrece este servizo para promover a música realizada polos grupos novos, de xeito que podan perfeccionar a súa expresión musical de cara á posta en escena en centros cívico sociais, prazas, etc…

O coste das clases de música e das aulas de ensaio é o mesmo: 7,60€ por usuario ou grupo ó mes, segundo establece a ordenanza nº 15, reguladora da Taxa por servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario Municipal.