NOVAS

O Concello inicia a emisión dos vídeos para participar vía telemática no primeiro laboratorio do programa “Un mundo cheo de diversidade”

Publicado o 10 de Novembro de 2020

As propostas enviaranse ao enderezo de correo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, anunciou este luns a emisión do primeiro vídeo do laboratorio #Eu son, somos: poesía visual e mail art, do proxecto de inclusión e dinamización comunitaria “Un mundo cheo de diversidade!”. A edil explicou que o vídeo, que se poderá ver no Facebook do Concello de Narón e na canle de YouTube da Escola de Participación de Narón, permitirá á cidadanía implicarse nesta iniciativa, un obradoiro virtual orientado a transformar ideas, emocións e desexos en imaxes e ilustracións para enviar por correo.

Neste primeiro vídeo amósanse exemplos inspiradores e nocións para que as persoas que desexen participar poidan crear as súas propias pezas de poesía visual, unha práctica artística, tal e como se indica, baseada na interpretación visual ou pictórica de xéneros narrativos, e tamén as súas posibles combinacións coa arte postal. Para participar hai que transformar a creatividade nunha peza, indicou García, facerlle unha fotografía e enviala a 7hcoop@7hcoop.gal. Deste xeito, reivindicarase a diversidade como elemento enriquecedor dunha sociedade.

“Esta é a primeira das propostas, que se desenvolverá vía telemática debido á actual situación sanitaria e na que animamos a participar ás nosas veciñas e veciños”, asegurou García. Sobre a participación, lembrou que “no vídeo expóñense unha serie de exemplos de traballos realizados noutros países e nós adaptaremos parte do programa á nosa cidade, onde por exemplo procuraremos espazos para facer unha mostra final cos traballos, ao estar prohibido facelo en farois e mobiliario urbán”.

A concelleira de Benestar Social avanzou que, unha vez difundido este vídeo, procederase a publicitar os tutoriais correspondentes. “As persoas que queiran participar deben estar atentas ás redes sociais, tanto do Concello como da Escola de Participación Cidadá de Narón, porque aí iremos ofrecendo todas as pautas para poder levar a cabo esta nova proposta”, recalcou.

As dúbidas que se poidan plantexar respecto deste proxecto poden solventarse dirixíndose ao correo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal ou chamando ao número de teléfono 881 978 756.