NOVAS

A praza de Galicia acollerá este sábado un novo obradoiro de “Chef solar e alimentación saudable”

Publicado o 22 de Setembro de 2020

No obradoiro trataranse unha variedade de temas, dende o gastronómico ata a produción e consumo sostibles

O Concello convoca a través do programa municipal “Narón en Transición” un novo obradoiro de “Chef solar e alimentación saudable” que terá lugar este sábado, día 26, na Praza de Galicia. A cita será entre as 11.00 e as 14.00 horas e poderán asistir persoas de todas as idades, que deberán cumprir as medidas sanitarias de prevención da Covid-19, entre as que se inclúe o uso obrigatorio de máscara e o mantemento da distancia social, tal e como asegurou o concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego.

O edil animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, “de carácter interxeracional e na que os asistentes terán a oportunidade de coñecer os principios básicos da enerxía solar, tipos de cociñas solares, cocción e montaxe dun pasteurizador… entre outras propostas impulsadas por persoal especializado nesta temática”.

Ao longo da mañá tamén se poderá participar nun obradoiro de Pinta sol e pirógrafo solar e desenvolveranse mostras lúdicas da aplicación solar fotovoltaica e de concentración.