Máis de medio milleiro de escolares da cidade sumáronse nas dúas últimas semanas á Marcha Ciclista Virtual organizada polo Concello

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Marcha Ciclista Virtual.jpg

Debido ao éxito desta iniciativa, os centros de ensino solicitaron ao Concello dispor das bicicletas estáticas máis aló do 25 de novembro.

Algo máis de medio milleiro de alumnas e alumnos de centros de ensino da cidade participaron na Marcha Ciclista Virtual pola Igualdade, organizada polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Dende a concellería de Seguridade Cidadá, que preside o edil Román Romero, programouse esta actividade a través do equipo de Educación Viaria, sumándose á mesma un total de once colexios. “O éxito desta convocatoria o propio día 25 de novembro foi tal que moitos centros nos pediron que lles deixáramos máis días as bicicletas estáticas para poder desenvolver esta actividade con máis aulas do centro, xa que o 25 participou tan só alumnado dunha aula de cada centro”, explicou Romero.

O edil valorou a gran acollida desta iniciativa “que rematou hai tan só uns días e que trataremos de convocar novamente durante o curso escolar, deseñando novas propostas encamiñadas nesta mesma liña”, avanzou. Alumnas e alumnos de terceiro a sexto de Primaria e de primeiro e segundo curso de ESO foron os primeiros en participar na Marcha Ciclista Virtual, que consistiu en realizar de xeito virtual a través dun vídeo un percorrido de aproximadamente unha hora de duración que discorría polos centros de ensino de Narón e remataba no Monumento á Muller, na Praza da Gándara. Ao mesmo tempo, o alumnado da mesma clase que non pedaleaba, recordou Romero, respostaba preguntas relacionadas coa Igualdade e tamén participaba no concurso “Quen é ela?”, no que identificaban a mulleres destacadas en diferentes ámbitos.

Rapazas e rapaces escolarizados no CRA, nos colexios de Piñeiros, A Gándara, A Solaina, Santiago Apóstol, Virxe do Mar, Ayala, Ponte de Xuvia, O Feal, Jorge Juan e do IES As Telleiras sumáronse, xunto con profesorado destes centros, á iniciativa dende o pasado 25 de novembro. A todos eles o concelleiro de Seguridade Cidadá agradeceu “a colaboración para poder desenvolver esta actividade dun xeito simultáneo o día 25 de novembro e tamén o feito de darlle continuidade nas xornadas seguintes”.

Romero recordou que “precisamente para manter e fomentar este tipo de iniciativas, este ano solicitamos na campaña de recollida de bicis e patinetes que, se algunha persoa ten bicicletas estáticas que non use, as doe ao Concello para poder entregarllas aos colexios e impulsar actividades deste tipo nuns tempos, os actuais, nos que hai que reformular moitas actividades debido á situación sanitaria”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar