Aberto o prazo de inscrición en sete cursos de Novas Tecnoloxías que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia

Versión para impresoraEnviar a un amigo
tech.jpg

As formacións están dirixidas á mellora no manexo de técnicas ofimáticas, no emprego de Internet e en programas de edición de contidos. 

A Aula Cemit de Xuvia acollerá sete cursos que se impartirán entre os meses de febreiro e outubro deste ano. Así o comunicou a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que anunciou que o prazo para anotarse nos mesmos estaría aberto dende o pasado venres, día 24. As persoas interesadas en inscribirse –hai doce prazas para cada unha das accións formativas- deben facelo na plataforma Cemit, a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/centro/48.

Hermida indicou que os cursos previstos son: Ofimática, curso preparatorio exame Codix (240 horas), que se impartirá en horario de mañá entre o 3 de febreiro e o 30 de abril; Internet e informática básica (160 horas), polas tardes do 3 de febreiro ao 31 de marzo; Ofimática avanzada (160 horas), polas mañás entre o 4 de maio e o 30 de xuño; Edición de imaxes con GIMP (80 horas), en horario de tarde e do 4 ao 29 de maio; Internet e as súas utilidades seguras (84 horas), polas tardes do 1 ao 30 de xuño; Contabilidade e RRHH (172 horas), en horario de tarde do 1 de setembro ao 30 de outubro, e outro sobre Ofimática, curso preparatorio exame Codix (172 horas), en horario de mañá entre o 1 de setembro e o 30 de outubro.

 “Na Aula Cemit ofértanse oitenta e catro prazas para estes sete cursos, que suporán en conxunto algo máis de mil horas formativas dirixidas a calquera persoa interesada en formarse sobre Novas Tecnoloxías”, apuntou Hermida.

A edil naronesa recalcou que a admisión do alumnado se realizará, como é habitual nesta convocatoria, por rigorosa orde de inscrición. Ao anotarse na plataforma Cemit recíbese unha mensaxe de admisión, se ben a partir da número trece (superando a oferta de prazas á demanda) estas considéranse como reservas, polo que poderán realizar o curso no caso de que algunha das persoas que se anotou con anterioridade cause baixa, unha posibilidade que, de cumprirse, se comunicaría telefonicamente dende o Concello. 

O Concello continúa sendo recoñecido como Aula de Referencia pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Xunta de Galicia). A elevada actividade que se desenvolve nesta aula ao longo do ano é un dos aspectos que se valorou á hora de conceder esta distinción, tal e como recordou a concelleira de Novas Tecnoloxías, que destacou o traballo que se está levando a cabo ano tras ano na área de Novas Tecnoloxías a nivel municipal.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar