Aberto o prazo de inscrición no programa “ConciliaVerán” que se desenvolverá na escola de Domirón

Versión para impresoraEnviar a un amigo
campamento_18052021_dameuntoke.png

O prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de maio.

O Concello de Narón xa abriu o prazo de inscrición no programa municipal “ConciliaVerán”, que se levará a cabo entre o 28 de xuño e o 3 de setembro, de luns a venres, nas instalacións da escola de Domirón. A convocatoria, tal e como recordou a edil de Igualdade, Mar Gómez, ten entre os seus obxectivos facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e familiar, diríxese a menores nados entre 2009 e 2017 empadroados ou escolarizados en Narón e que traballen os dous membros parentais (pai, nai, custodio/a, titor/a…). As inscricións poderán tramitarse ata o vindeiro 28 de maio a través do Rexistro municipal, da Sede Electrónica do Concello ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica do Concello naronés.

En total ofértanse noventa prazas para cubrir as cinco quendas dispoñibles: do 28 de xuño ao 9 de xullo; do 12 ao 23 de xullo; do 26 de xullo ao 6 de agosto; do 9 ao 20 de agosto e, a última, do 23 de agosto ao 3 de setembro. ConciliaVerán” ofrece servizo de madrugadores de 8.00 a 9.00 horas e será a partir das 9.00 e ata as 14.00 cando os menores participen nas actividades deste programa, tanto lúdicas como educativas e tamén se ofrece servizo de acompañamento ata a recollida entre as 14.00 e as 15.00 horas. Este ano a temática central apostará por facer máis visibles destacadas figuras femininas como Ánxeles Alvariño, Ánxela Ruíz, Elisa e Marcela, Maruxa Mallo e Eugenia Pereira.

Co fin de que se poidan acoller ao programa o maior número de familias posible só se pode solicitar unha quenda por menor, aínda que no momento de cubrir a instancia se indiquen varias por orde de preferencia por se non tivesen praza na primeira opción indicada.

As prazas adxudicaranse realizando un sorteo, cuxa data de realización se anunciará previamente dende o Concello. Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario municipal, no primeiro andar do Concello, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1115) ou consultar a Sede Electrónica do Concello de Narón.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar