Aberto o prazo de inscrición nos Obradoiros de Robótica dirixidos a alumnado de centros de ensino de Narón

Versión para impresoraEnviar a un amigo
jelleke-vanooteghem-6NUlOHM40w8-unsplash_315.jpg

O obradoiro consta dunha sesión semanal de hora e media de duración, de luns a venres entre as 16.00 e as 20.00.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que permanece aberto o prazo de inscrición e todavía quedan prazas para os obradoiros de Robótica educativa organizados polo Concello dentro do programa Promedex (de actividades extraescolares). A iniciativa diríxese a alumnado de 8 a 11 anos e de 12 a 14 anos escolarizado en centros de ensino de Narón.

O obradoiro consta, tal e como indicou a edil naronesa, dunha sesión semanal de hora e media de duración –de luns a venres entre as 16.00 e as 20.00 horas- e celebrarase en horario extraescolar na Casa da Mocidade. “Esta actividade ten xeralmente moi boa acollida entre as rapazas e rapaces da cidade porque achega unha serie de contidos sobre robótica dun xeito lúdico que lles permite aprender cuestións tecnolóxicas a través do xogo”, explicou.

Construcción e programación de robots; funcionamento dun ordenador, conceptos básicos de programación por bloques, creación de videoxogos en 2D e programación de drons intelixentes forman parte dos contidos deste obradoiro que se celebrará entre os meses de febreiro e maio.

Para asistir aboarase unha taxa de 8,15 euros ao mes, tal e como se estipula na ordenanza do Servizo Sociocomunitario e as solicitudes poden presentarse na Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es- no Rexistro municipal ou a través de calquera dos lugares establecidos nos artigos 14.1 e 16.1 da Lei 39/2015 do Procedemento administrativo común das administracións públicas. O formulario está dispoñible na Sede Electrónica, onde se poden consultar todos os datos desta actividade, así como a documentación a presentar.

As dez prazas dispoñibles para cada unha das quendas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. A edil de Ensino animou ás alumnas e alumnos de colexios de Narón a anotarse neste obradoiro “no que teredes a oportunidade de fomentar a creatividade, o traballo en equipo e a autoconfianza, así como coñecer máis polo miúdo o mundo da robótica”. A realización da actividade, recalcou, cumprirá con todos os protocolos de normativa sanitaria vixentes en cada momento derivados da prevención da COVID-19. Para solicitar máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar