Aberto o prazo de inscrición nun curso de Socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas

Versión para impresoraEnviar a un amigo
lifebelt-1458596_315.jpg

Ambas edicións están convocadas pola Deputación da Coruña e dirixidas a persoas maiores de idade desempregadas e empadroadas nalgún dos concellos da provincia da Coruña.

A Deputación da Coruña convoca dúas edicións, en horario de mañá e tarde, dun curso de Socorrismo en espazos acuáticos naturais e de Socorrismo en instalacións acuáticas a través do Plan de Emprego Local e para o que está aberto o prazo de inscrición. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, explicou que a formación teórico práctica se realizará no Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña e as prácticas profesionais non laborais en praias de concellos da provincia. A edil naronesa anunciou que as persoas que se queiran inscribir poderán facelo ata o 5 de febreiro ás 13.30 horas no entrechán do Concello, na oficina da Técnica de Emprego, podendo tamén recibir máis información a través do número de teléfono 981 337 700 (extensión 1123).

Esta acción formativa diríxese a persoas desempregadas, que teñan cumpridos 18 anos e empadroadas nalgún dos concellos da provincia da Coruña preferentemente con poboación inferior a 50.000 habitantes. Os/as candidatos/as deberán ademais cumprir unha serie de requisitos académicos e de condicións físicas, así como superar unhas probas de natación.

As persoas que desexen asistir deberán facelo para a obtención dos dous certificados, xa que existen módulos e unidades de competencia que son convalidables entre os dous certificados. Deste xeito, tal e como indican dende a administración provincial, terán que participar no programa completo para obter a dobre titulación, “o que permitirá aumentar as oportunidades de manterse no mercado laboral todo o ano e non só nas tempadas de verán”, indican. O curso de Socorrismo en espazos acuáticos naturais terá unha duración total de 420 horas, das que 340 serán de formación teórica e as 80 restantes de prácticas e o de Socorrismo en instalacións acuáticas de 210 horas, 130 teóricas e 80 prácticas. Dende a Deputación da Coruña avanzaron que está previsto iniciar a mediados do vindeiro mes de febreiro o curso programado en espazos naturais e a finais de setembro, unha vez que remate a tempada de praias, a formación en instalacións acuáticas.

Trátase de accións formativas acreditadas, polo que se expedirán os correspondentes certificados de profesionalidade de nivel 2 no caso de que se cumpran os requisitos previstos nos mesmos. Entre os contidos destaca tamén na formación complementaria no Manexo de desfibrilador semiautomático (DESA) e na transversal temáticas como a Inserción laboral, Sensibilización medioambiental e Igualdade de xénero.

Para obter máis información tamén se pode consultar a web: emprego.dacoruna.gal ou escribir ao correo electrónico: pel.socorrismo.acuatico@dacoruna.gal. A Deputación prevé conceder unha compensación económica como medida de fomento da formación e aptitude para o emprego destinada ás persoas que participen no curso sempre que cumpran os requisitos e condicións formulados no procedemento de retribución de bolsas.

 

 

DocumentoTamaño
Curso Socorrismo.pdf122.86 KB
 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar