Aberto o prazo de inscrición nun curso de “Teleoperador/a”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
call-center-gc269211a7_1920 (1).jpg

O Concello abriu o prazo de inscrición nun curso de Teleoperador/a convocado a través da área de Novas Tecnoloxías, dirixida pola edil Natalia Hermida. A acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón e ofertará un total de doce prazas. Hermida anunciou que o prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto dende o 18 de novembro ás 8.30 horas ata o día 24 deste mes ás 13.30, debendo entregarse no Rexistro Xeral do Consistorio, a través da Sede Electrónica ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A acción formativa desenvolverase do 29 de novembro ao 15 de decembro –de 9.30 a 13.30 horas de luns a venres- no Centro municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e consta dun total de 40 horas. Durante o período formativo o alumnado abordará diversos contidos, como a comunicación, o teléfono e a empresa, telemarketing, atención ao cliente e atención en inglés.

O listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello e as persoas seleccionadas serán informadas telefonicamente da súa admisión para a confirmación da praza. A publicación da listaxe definitiva do alumnado tamén se publicará na Sede Electrónica de Narón.

“A través deste curso o alumnado terá a oportunidade de coñecer as funcións principais deste traballo, cunha importante demanda entre as empresas e que, polo tanto, suporá unha oportunidade máis de cara á posible inserción no mercado laboral”, subliñou a concelleira de Novas Tecnoloxías.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar