NOVAS

Aberto o prazo de presentación de obras ao “IX Concurso de Pintura Cidade de Narón”

Publicado o 03 de Novembro de 2017

Mozas e mozos artistas de Narón! Xa temos en marcha unha nova edición do concurso de pintura da nosa cidade!

 

O Padroado da Cultura do Concello de Narón convocou a novena edición do “Concurso de Pintura Cidade de Narón. A alcaldesa da cidade e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, presentou o certame, ao que se poderán presentar obras ata o 10 de novembro, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, no Pazo da Cultura.

 

  1. A ficha de inscrición pódese descargar a través da páxina web do Padroado: www.padroadodecultura.es 

 

Categorías

Vai a haber 2 categorías, unha para maiores de 16 anos (persoas adultas) e otra ata os 15 anos (categoría infantil). 

As obras

Cada autor/a só pode presentar unha obra, orixinal e de temática, técnica e estilo libres. Así mesmo, en canto ao formato dos traballos presentados, deben estar enmarcados ou protexidos cun listón e o lenzo non pode superar 1,50 metros por cada lado. Non se poden asinar e deberán incluírse nun sobre pechado os datos persoais do autor. 

Os premios

Os premios establecidos para a categoría de adultos, que se entregarán en base ao veredicto dun xurado formado por tres profesionais de prestixio nas artes plásticas e un representante municipal e serán de:

 

  • 1.500 euros para o mellor traballo.
  • 750 euros para o segundo premio.
  • 400 euros para o terceiro.
  • E 200 euros para o Premio Especial Francisco Criado -en recoñecemento dun pintor xa falecido e que foi veciño de San Xiao-, sendo este último incompatible con outros premios. 

 

Os traballos galardoados cos tres primeiros premios deste certame pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o gañador do concurso non poderá presentarse nas vindeiras dúas edicións, tal e como se estipula nas bases.

A entrega de premios será o 23 de novembro –Día de Narón- ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, tal e como recordou Marián Ferreiro.

Exposición

Os traballos finalistas exporanse nas instalacións do Pazo da Cultura entre o 13 e o 23 de novembro, podendo visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 e os sábados entre as 10.00 e as 14.00.

A alcaldesa recordou que o ano pasado se presentaron un total de setenta obras a este certame e amosou a súa confianza en que “entre as veciñas e veciños de Narón e doutros concellos poidamos superar nesta edición esta cifra, contribuíndo deste xeito a consolidar este evento, moi recoñecido dentro e fóra da nosa cidade”.