Alumnado do CPR Santiago Apóstol estreou hoxe unha nova estrutura para depositar tapóns de plástico na praza Gándara Park

Versión para impresoraEnviar a un amigo
taponsPlastico_07062021_dameuntoke.png

O contedor instalouse a partir da proposta do alumnado ao quedarse sen os que tiñan no centro educativo antes da Covid-19.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse este mediodía á praza Gándara Park para participar con alumnado de segundo de Primaria do CPR Santiago Apóstol na estrea dunha nova estrutura para depositar tapóns de plástico. Ferreiro e Santalla depositaron xunto coas nenas e nenos os primeiros tapóns de plástico na estrutura e os escolares incluso cantaron e bailaron unha canción sobre a importancia da reciclaxe e o coidado do medio ambiente. Ferreiro felicitou aos menores de segundo B por interesarse ante o Concello, a través dun correo electrónico, na posibilidade de que se instalasen colectores para recoller tapóns, ao quedarse sen os que tiñan no centro educativo antes da Covid-19. “Quero darvos as grazas por estar tan concienciados e apostar polo feito de que dende o Concello continuemos instalando este tipo de estruturas, das que xa hai outra no paseo de Xuvia e que queremos ir colocando tamén noutros barrios da zona urbana e en parroquias do rural”.

Así mesmo, a alcaldesa valorou o feito de que “as nenas e nenos sigades traendo aquí tapóns de plástico que se reciclan con fins benéficos para axudar a determinados colectivos”.

En canto ao alumnado de segundo A, “tamén é moi gratificante que esteades traballando nese proxecto que nos indicastes sobre como afecta ao medio ambiente o consumo de plásticos, por iso en canto tivemos coñecemento desa iniciativa xa en marcha quixemos aportar o noso gran de area e instalar este contenedor preto do voso colexio”.

Os escolares, que aseguraron que lles gustou o resultado final da súa proposta, agradeceron o feito de que o Concello atendera as peticións formuladas.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar