Apertura do prazo de inscrición nos obradoiros “Canta con nós” impulsados a través do programa municipal Promedex

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Canta con nós.jpg

Os obradoiros “Canta con nós”, enmarcados nas actividades impulsadas dende o Concello a través do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex) retómanse este curso.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentou a proposta xunto con Cristina Teijeiro, Graciela Galdo e Olga Vigo, responsables do citado obradoiro, para o que se abre hoxe o prazo de inscrición a través do Rexistro municipal –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas- e da Sede Electrónica do Concello.

O Auditorio municipal acollerá estes obradoiros entre o vindeiro mes de outubro e xuño de 2020. A iniciativa, que se estreou o pasado ano, dirixese a menores de entre 6 e 16 anos, preferentemente empadroados en Narón. Formaranse tres grupos, dous cun máximo de 45 prazas para nenas e nenos nados entre 2007 e 2013 e un con 35 prazas para menores nados entre 2003 e 2006.  A actividade desenvolverase os sábados, de 10.30 a 11.30 e entre as 11.30 e as 13.00 horas, en función do grupo.

Os asistentes deberán aboar unha taxa de 8,15 euros por persoa, a tarifa establecida na Ordenanza fiscal número 15 que regula a taxa polos servizos prestados dende o Servizo Sociocomunitario.

As responsables do obradoiro destacaron a importancia de que a través desta actividade “as nenas e nenos gocen da música e, ao mesmo tempo, fomenten o compromiso e o traballo en grupo, o compañeirismo…” e agradeceron a implicación do Concello de Narón.

Así mesmo, a concelleira de Ensino animou ás rapazas e rapaces de Narón a anotarse nesta actividade. “Queremos que os nenos e nenas teñan unha oportunidade de gozar da música e aprenderlles unha serie de coñecementos sobre técnica vocal, ao tempo que se dá a coñecer un repertorio de cancións, moitas delas populares e moi características de diferentes culturas”, subliñou Taibo.

DocumentoTamaño
CARTEL CORO DEFINITIVO.pdf441.2 KB
20190917100928.pdf72.59 KB
 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar