As Asesorías e os Obradoiros de educación afectivo-sexual dirixidas a alumnado de centros da cidade continúan de xeito telemático

Versión para impresoraEnviar a un amigo
hands-437968_640.jpg

As Asesorías, dirixidas a alumnado de todos os niveis de ESO e Bacharelato, e os Obradoiros, nos que participa o alumnado de segundo curso da ESO, teñen o obxectivo de aclarar as dúbidas da xuventude en educación afectivo-sexual e concienciala nas prácticas responsables.

O Concello de Narón continúa desenvolvendo, vía telemática, a programación das Asesorías de Educación afectivo-sexual e dos Obradoiros de coeducación afectivo-sexual “Sexo con-sentido”. Trátase de dúas propostas impulsadas a través da Concellería de Mocidade, que dirixe o edil Pablo Mauriz, e nas que colabora a Concellería de Ensino, presidida por Mercedes Taibo. As actividades das asesorías diríxense a alumnado de todos os niveis de ESO e Bacharelato, mentres que nos obradoiros participa alumnado de segundo curso da ESO.

A suspensión das clases nos centros de ensino tras decretarse o estado de alarma levou a atender as consultas das asesorías a través do mail do programa (peas.sexoconsentido@gmail.com), dende donde tamén se facilitan aos centros propostas de actividades e recursos para que o alumnado poida seguir aprendendo e reflexionando sobre este tema. “O obxectivo das Asesorías de educación afectivo-sexual é atender as consultas e as dúbidas que se poidan plantexar entre a comunidade educativa, ao tempo que facilitarlles información a través de diferentes recursos sobre cuestións relacionadas coa sexualidade e a afectividade”, recordou Mauriz.

No segundo trimestre do actual curso escolar comezaron a desenvolverse os Obradoiros de coeducación afectivo-sexual “Sexo con-sentido”, se ben tal e como indicou o edil de Mocidade, os grupos que quedaban pendentes de realizalos nos centros poden facelo de xeito virtual, a través de videochamadas nas que os rapaces e rapazas poderán formular preguntas e manifestar a súa opinión sobre os temas abordados. O alumnado disporá tamén dunha unidade didáctica sobre o programa e poderá realizar preguntas a través do mesmo correo electrónico facilitado para as Asesorías de educación afectivo-sexual. “Xa se están recibindo algunhas consultas online que se están atendendo nestes tempos de confinamento nos que as emocións e as relacións socio-afectivas virtuais están moi presentes”, apuntou Mauriz.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar