NOVAS

Día do Deporte en Narón: 30 de setembro no pavillón da Gándara

Publicado o 21 de Setembro de 2017

O Concello de Narón organiza varios actos con motivo do Día do Deporte, que se celebrará o vindeiro sábado, 30 de setembro.

O concelleiro responsable da área, Román Romero, explicou que se trata dunha convocatoria na que colabora a empresa Arasti Barca e coa que se tratará de celebrar “unha xornada adicada por completo ao deporte, en diferentes modalidades, e programada antes de que retomen a actividade as Escolas Deportivas Municipais, o vindeiro mes de outubro”.

 

  1. Onde? A cita será no complexo polideportivo municipal da Gándara, centrándose as actividades tanto no interior como na zona de estacionamento, entre as 11.00 e as 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Nas pistas terán lugar unha Master Class de Zumba, entre as 18.30 e as 19.30, e unha sesión de Iniciación a pilates, de 17.30 a 18.30 horas.

 

Na zona do estacionamento poderase xogar ao fútbol, baloncesto, voleibol, bádminton e xincanas nun inchable de bolas locas. Así mesmo, haberá un castelo inchable para a piscina, proposta esta última que contará con aforo limitado, ao precisar o control dos socorristas, tal e como recalcou Romero.

Os menores de seis anos que desexen participar nas actividades do Día do Deporte deberán estar acompañadas por adultos.

E para animar a xornada, a celebración estará amenizada por un speaker, que se encargará do apartado musical durante a mañá e a tarde.

Desde o Concello indicouse que en caso de chuvia as actividades programadas no exterior do complexo polideportivo da Gándara pasarán a desenvolverse no interior do pavillón.

Nas Escolas Deportivas do Padroado, tal e como recordou Romero, ofértanse cada ano actividades conveniadas e tamén de clubes, as dúas piscinas e o ximnasio, situándose a media anual nuns 3.000 usuarios, que se corresponden con persoas de Narón pero tamén procedentes doutros concellos da comarca. O concelleiro naronés animou ás persoas que participan nas actividades das Escolas e tamén ao resto de veciñas e veciños da cidade e doutros municipios da zona a gozar da programación deseñada desde o Concello para celebrar a vindeira fin de semana o Día do Deporte.