Escolares de sete centros da cidade participan dende esta semana na primeira edición da “Liga Camiño Escolar Seguro Pegadas 2021”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
liga_25042021.png

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou o éxito desta nova iniciativa impulsada a través do equipo de Educación Viaria de Narón.

Escolares dos colexios da Solaina, Virxe do Mar, Piñeiros, A Gándara, Santiago Apóstol, Jorge Juan e Ponte de Xuvia participan dende esta semana a primeira edición da “Liga Camiño Escolar Seguro Pegadas 2021. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou o éxito desta nova iniciativa impulsada a través do equipo de Educación Viaria de Narón.

Nesta convocatoria implicaranse ata o vindeiro 18 de xuño rapazas e rapaces matriculados en educación Infantil, Primaria, Secundaria e ciclos formativos, así como docentes dos centros. “Os nenos e nenas acuden aos colexios en bicicleta, patinete, patíns… e deben percorrer un tramo mínimo de 250 metros para poder participar”, explicou Romero. No caso de facelo, unha vez que chegan á aula poderán coller un adhesivo –por día- que  pegarán nuns paneis especialmente deseñados para esta iniciativa e que se achegan dende o equipo de Educación Viaria aos centros de ensino.  “Cada semana o equipo responsable deste proxecto encargarase de contabilizar os adhesivos colocados en cada unha das aulas do centro e ao remate desta convocatoria o centro coa aula que teña máis adhesivos será o gañador da primeira “Liga Camiño Escolar Seguro Pegadas 2021”, apuntou. O sistema de clasificación, tal e como avanzou, calcularase segundo a porcentaxe do número de alumnos matriculados no centro e o número de participantes da liga ao longo do campionato.

Para o correcto desenvolvemento desta iniciativa, tal e como se explicou nos centros ao inicio da mesma, controlarase o cumprimento das bases, comprobando que os menores que coloquen as pegatinas na aula realizasen alomenos o percorrido mínimo establecido en bicicleta, a pé, en patíns… “As nenas e nenos acolleron moi ben esta actividade e mesmo temos casos nos que, debido á distancia do seu domicilio, acuden en coche pero os seus pais e nais estacionan o vehículo a unha distancia do centro que permita realizar ese percorrido mínimo establecido sin ser en coche”, indicou o edil.

“Nunha primeira avaliación en canto á participación encargamos 6.000 pegatinas pero a día de hoxe xa sabemos que serán insuficientes para atender a elevada demanda que rexistran nos colexios”, asegurou. En vista do éxito de acollida Romero agradeceu a implicación do alumnado, das súas familias e do persoal docente “grazas aos que unha vez máis podemos impulsar este tipo de actividades na nosa cidade” e animou aos participantes na liga “a continuar as vindeiras semanas nesta mesma liña e así poder gañar algún dos premios finais, que se concederán aos colexios con maior puntuación e de xeito colectivo para que poida gozar dos mesmos todo o alumnado”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar