Milleiros de persoas presenciaron a Cabalgata Solidaria de Narón coa que remataron os actos de Nadal na cidade

Versión para impresoraEnviar a un amigo
REIS MAGOS NARÓN 2020.JPG

A xornada de eventos de Nadal remata con esta enorme participación acadada no banco de alimentos e a marcha solidaria.

Unha participación masiva de persoas de Narón e visitantes flanquearon ao longo do percorrido as 11 carrozas solidarias acompañadas dos grupos veciñais que participaron na súa elaboración, para a que foron empregados materiais reutilizados e reciclados. A comitiva, que acompañaba aos Reis Magos, foi recibida na Praza de Galicia por máis de dúas mil persoas que disfrutaron dunha festa infantil e dunha degustación gratuita de chocolate con churros. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, valorou e agradeceu “o esforzo e o traballo de máis de 300 persoas que participaron activamente na confección das carrozas solidarias e o desfile da cabalgata“.
As entidades colaboradoras foron:

  • Asociacións veciñais de: A Gándara, Xuvia, O Couto, O Alto, Doso, San Xiao, Freixeiro e O Val.
  • ANPAS dos centros educativos de: Ponte de Xuvia, Jorge Juan e Piñeiros
  • Outras entidades: Sociedade cultural Areosa de Piñeiros, Grupo de ganchillo de Xuvia, Aurega, Fojeteiros, ASCM, Saúde mental Ferrolterra, Eume e Ortegal, Autos clásicos, Club de pensionistas de A Solaina, Asociación de bombeiros de Narón e Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Para o Centro de Recursos Solidarios de Narón o resultado da xornada foi moi satisfactorio, tal como manifestaron desde a Asociación, xa que as doazóns acadadas concretáronse nun total de 97 kg de alimentos non perecedoiros, 6 litros de leite e 55 unidades de produtos de hixiene. A concelleira de Benestar Social recordou que “un ano máis, este evento tivo un marcado carácter social co obxectivo fundamental de transmitir unha mensaxe colectiva afastada do consumismo e coa solidariedade como unha das súas prioridades”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar