NOVAS

Natureza, lecer e aventura esta fin de semana no Festival Aire Libre

Publicado o 24 de Maio de 2017

O Concello de Narón acollerá esta fin de semana a primeira edición do Festival Aire Libre, un evento organizado pola asociación Odysseus, en colaboración co Concello de Narón, e no que se combinarán diferentes actividades relacionadas coa natureza, o lecer e a aventura.

O edil de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Carlos Mariñas e Enrique Martínez, da asociación organizadora, Odysseus, e de Olga Romero, do Auto Club Clásicos Narón, en representación dos colaboradores.

 

A cita será o sábado 27 e o domingo 28 no polígono de Río do Pozo nas inmediacións da sede do Speis de Narón e durante a mesma desenvolveranse unha gran variedade de actividades en horario de mañá e de tarde, tal e como apuntou o edil de Deportes, Román Romero. A entrada é de balde e os asistentes que queiran participar nalgunhas actividades deberán inscribirse previamente no recinto.

O Festival Aire Libre comezará oficialmente o sábado ás 09:00 horas, se ben a saída da primeira das rutas turísticas en vehículos 4x4 polos arredores do recinto e da ruta familiar –de 10 quilómetros e adaptada a todas as idades- se iniciarán ás 10.00.

  1. Ás 10:30 procederase a inaugurar a zona de expositores, cunha decena de participantes, entre eles de autocaravanas, de bicicletas de trial, e relacionadas con vehículos 4x4.
  2. Ao longo da mañá os asistentes poderán rodar nun mini circuíto de BTT, pasear en vehículos todoterreo, ou asistir a charlas sobre condución en situación extremas, entre outras propostas.
  3. A actividade continuará pola tarde, con series de piques fangueiros –nun circuíto de lodo-, exhibicións con vehículos 4x4, charlas de apicultura, unha sesión de adiestramento de cans e moitas outras actividades que culminarán ás 21:00 horas, co peche de expositores para, a partir das 21:30 horas, iniciar o tempo para cear –haberá establecementos de venda de churrasco, polbo, foodtrucks…- e ambientación musical.

Na xornada do domingo:

  1. A actividade dará comezo ás 10:00 horas coa saída da ruta en quads non deportivos e os expositores reabrirán ás 10:30 horas. 
  2. Ao longo da mañá haberá novas exhibicións de vehículos 4x4, charlas sobre actividades subacuáticas, adopción de animais –a cargo da asociación Cometa- e bicitrial, exhibición canina do Tercio Norte, unha exposición de vehículos clásicos, a cargo do Club Clásicos Narón e moitas outras propostas –algunhas dirixidas a menores- que continuarán pola tarde, desde as 15:30 horas
  3. Tamén o domingo, ás 16:30 horas, terá lugar un recoñecemento aos bombeiros forestais de Galicia e realizarase un sorteo dunha fin de semana dunha ruta pola Costa da Morte –con desprazamento, aloxamento e manutención pagados- entre as persoas que participen activamente no evento.

Carlos Mariñas, da asociación Odysseus, destacou a gran variedade de propostas que se ofrecen neste evento, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Narón no mesmo. Mariñas avanzou que de cara a novas edicións a organización xa se está plantexando incrementar a oferta de actividades.
Finalmente, o edil de Deportes de Narón, que animou á veciñanza a acudir a “este evento pioneiro na comarca e no que os asistentes terán a oportunidade de elixir entre múltiples actividades relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura, con propostas para persoas de tódalas idades”.  

*As persoas interesadas en obter máis información poden facelo a través do número de teléfono 606 385 039 (Carlos Mariñas).

   
Documento Tamaño
Programa Festival Aire Libre.pdf 87.54 KB