Novo club deportivo en Narón: NHD Adventure

Versión para impresoraEnviar a un amigo
DMTK_nuevoclub.jpg

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron hai uns días un novo clube deportivo da cidade, NHD Adventure.

O presidente da entidade, David López, o tesoureiro, Jorge Prado, e un dos vocais, Antonio Pasandín, deron a coñecer esta agrupación, á que o Concello cederá o circuíto de motocross municipal localizado no polígono de Río do Pozo, tal e como indicou a alcaldesa da cidade. Ferreiro fecicitou aos representantes do novo clube pola súa constitución e animounos a “sumarse ao intenso traballo que en materia de deportes se leva a cabo na nosa cidade en numerosas disciplinas e grazas ao esforzo e colaboración entre o Concello e os diferentes clubes e agrupacións deportivas como este que damos a coñecer hoxe”.

O clube NHD Adventure iniciará a súa actividade en Río do Pozo unha vez que acondicionen o circuíto cedido polo Concello, tal e como apuntou o edil de Deportes naronés. Jorge Prado agradeceu en nome da entidade a colaboración do Consistorio e avanzou que se habiltirán nese espazo dous tipos de circuítos, un para vehículos todocamiño e outro para todoterrenos. En canto ao traballo a desenvolver desde o clube explicaron que se programarán varias rutas familiares e quedadas, para descubrir os encantos turísticos da zona. “Estas rutas teñen un marcado carácter familiar e turístico e realizaranse priorizando a protección do medio e a circulación sostible por pistas e camiños”, apuntou David López. Os traxectos serán tanto por Ferrolterra como por outros concellos da zona, según avanzaron desde a entidade. Forma tamén parte das previsións a programación de cursos e xornadas de aprendizaxe sobre conducción fóra de asfalto, apuntaron os representantes do clube.

Así mesmo, tamén o vindeiro ano, convocaranse catro probas –de xaneiro a abril- para participar nunha Liga de Navegación. Nesta última actividade os participantes terán que buscar unha serie de coordenadas, sacar unha foto e posteriormente, en función duns tempos determinados recibirán unha puntuación, tal e como explicaron. 

As persoas interesadas en formar parte deste novo clube poden contactar cos seus representantes a través da súa páxina web: https://nhdadventure.com/ ou da súa páxina de Facebook (NHD Adventure). Desde a agrupación están xa en conversas con outras asociacións interesadas en utilizar as instalacións do circuíto de Río do Pozo, e amosan a súa dispoñibilidade para que aquelas interesadas en desenvolver actividades nesa ubicación “poderán facelo sen problema se teñen cabida nese espazo”, indican.

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes de Narón destacaron o feito de que esta nova entidade deportiva apostase pola cidade, “contribuíndo así a incrementar a actual oferta deportiva da cidade” e desexaron moita sorte ao equipo de NHD Adventure.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar