NOVAS

O 24 de febreiro en Narón celebramos o Día de Rosalía, por que non participas?

Publicado o 21 de Febreiro de 2017

As concelleiras de Cultura e Bibliotecas, Marián Ferreiro e Mercedes Taibo, respectivamente, deron a coñecer aq mañá do xoves os actos cos que o Concello conmemorará, o vindeiro 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro.

  1. A programación deseñada desde Bibliotecas dará comezo ás 12.00 horas, coa lectura pública dunha serie de textos de Rosalía de Castro nas instalacións da Biblioteca municipal e na que participarán, entre outros edís e persoas a título particular, o alcalde de Narón, José Manuel Blanco. Así mesmo, como convidada participará a actriz Flor Maceiras, que lerá un manifestó redactado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A maiores, xa pola tarde, dará comezo o acto programado no Café Teatro do Pazo da Cultura e que consistirá, tal e como apuntou Ferreiro, nunha presentación audiovisual e a presentación do libro “Airiños Aires de Rosalía”, do prestixioso fotógrafo galego Xurxo Lobato, na que se evoca a vida e obra desta recoñecida poeta e galeguista do século XIX. As actividades programadas no Pazo darán comezo ás 20.00 horas.

Este ano, as iniciativas impulsadas desde as concellerías de Cultura e Bilbiotecas complementaranse con outra proposta na que se implicaron oito librarías da localidade, ás que desde o goberno local se agradece a súa colaboración. A proposta consiste, tal e como apuntou Taibo, en agasallar cun caravel vermello a todas aquelas persoas que merquen un libro escrito en galego nas librarías adheridas: Albatros, Breogán, Contos, Cousas, Day, Galicia, Nany e Nova. Esta mesma proposta trasladarase á Biblioteca municipal, donde tamén o día 24 de febreiro se agasallará cun caravel vermello a todas aquelas persoas que leven prestada algunha publicación escrita en galego, apuntou a concelleira.

 

A edil de Bibliotecas destacou que se trata dunha convocatoria coa que homenaxear a figura de Rosalía de Castro, ao cumprirse 180 anos do seu nacemento. Pola súa parte, a concelleira de Cultura animou á veciñanza a participar nestes actos e a mercar e ler libros en galego, “non só nesta xornada, senón tamén o resto do ano, co fin de impulsar a nosa lingua e darlle o recoñecemento que merece e que en ocasións non se lle concede a pesares da incansable loita de mulleres como Rosalía de Castro e tamén de varios homes por darlle o lugar que merece o galego no noso país”.

Ao respecto, cabe tamén recordar que o Concello de Narón se adheriu no ano 2012 a unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), declarando o día 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. Desde ese ano, o goberno local de Narón vén promovendo diferentes iniciativas neste eido, agasallando con flores ás persoas que merquen libros en galego –ou os lean prestados da Biblioteca municipal- e tamén convocando lecturas públicas de obras de Rosalía de Castro, dándoa a coñecer entre a veciñanza e tamén fomentando a identidade cultural dos galegos e galegas.