O alumnado participante no proxecto Titorización Entre Iguais do CEIP Virxe do Mar recolleu os seus diplomas de mans da alcaldesa e a edil de Ensino

Versión para impresoraEnviar a un amigo
totiresTitoras.jpg

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, participaron o pasado 17 de xaneiro xunto coa directora do colexio Vixe do Mar, María del Carmen Loureiro, no acto de entrega de diplomas e carnés a un total de vinte e seis nenas e nenos de quinto curso de Primaria que participan no proxecto Titorización Entre Iguais (TEI).

Algúns dos pais e nais dos menores asistiron tamén a este evento, celebrado no salón de actos do centro e que comezou ás 11.00 horas. A do 18 é a primeira promoción deste colexio en recibir o carné oficial deste programa, co que aprenden a titorizar a alumnado de terceiro curso, dándose a coñecer os/as titores/titoras e os/as titorizados/as. Os menores serán “protagonistas de todo o colexio en prevención escolar, os titores emocionais e os referentes dos alumnos e alumnas de terceiro e terán que ensinar valores, normas de convivencia, e en definitiva, acadar a tolerancia cero á violencia”, explicou a directora do centro. Hai unhas semanas as nenas e nenos comezaron a formarse nunha técnica innovadora contra a violencia escolar, co obxectivo de axudar cando hai problemas de convivencia e previr o acoso ou bullyng, recordou Loureiro.

A alcaldesa e a edil de Ensino entregaron aos menores o carné de TEI e un diploma que recoñece o nomeamento dos titores, e ao colexio, neste caso á súa directora, a licencia TEI, que permite o uso e adaptación dos materiais á metodoloxía do programa, tal e como se explicou no acto.

Marián Ferreiro agradeceu á dirección do colexio Virxe do Mar a invitación para poder asistir ao acto e destacou o labor da comunidade educativa e, en xeral, das nenas e nenos que participan nesta primeira convocatoria do programa de Titorización Entre Iguais. A alcaldesa animou aos menores a implicarse activamente a través desta proposta na loita contra o acoso escolar e apelou á necesaria colaboración dos docentes e dos pais e nais, así como da sociedade en xeral, para erradicar esta lacra. “Tanto nas aulas como fóra delas debemos ter moi presente todas e todos que ante calquera manifestación de violencia, física ou verbal, a tolerancia ten que ser cero”, subliñou a alcaldesa.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar