O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nun curso de “Monitor/a de actividades de tempo libre”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
monitor_09062021_dameuntoke.png

A acción formativa conta cun total de 390 horas e é de titulación oficial.

A Concellería de Formación, dirixida pola edil Natalia Hermida, convoca un curso de “Monitor/a de actividades de tempo libre” (titulación oficial). En total ofértanse quince prazas, dirixidas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón e a previsión é que a convocatoria se desenvolva do 28 de xuño ao 19 de outubro deste ano. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a partir de mañá xoves, día 10, ás 8.30 horas e ata o vindeiro 17 de xuño ás 13.00 horas.

Esta acción formativa consta dun total de 390 horas, que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas. Entre os contidos, tal e como figura na convocatoria, abordaranse as áreas de psicoloxía, educación e tempo libre, animación, educación ambiental e natureza, educación para a saúde, e organización e recursos. A parte de prácticas profesionais non laborais en empresas levarase a cabo no horario que se determine en cada empresa, se ben os contidos teóricos se impartirán de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas.

A concelleira de Formación explicou que neste curso esixiranse tamén para poder facelo unha serie de requisitos. Entre eles están o de ter o título de Graduado/a en Educación Secundaria, Graduado escolar ou equivalente ou, de non ser o caso, de Técnico/a auxiliar en Formación Profesional ou outro equivalente. Así mesmo, indicou a edil, o alumnado deberá tamén presentar un Certificado de ausencia de delitos de natureza sexual, ao esixirse para poder traballar con menores. No momento que dende o Concello se confirme a praza haberá que presentar a citada documentación, non tendo que facelo para a inscrición.

As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concellode luns a venres en horario de 8.30 a 13.00-, na Sede Electrónica de Narón ou a través de calquera dos medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición e o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello, se ben tamén se informará telefonicamente da admisión ás persoas seleccionadas para este curso.

Para poder recibir máis información sobre esta acción formativa pódese consultar a páxina web do Concello, a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/convocatoria_tempo_libre.pdf, a Sede Electrónica de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Hermida animou a todas as persoas interesadas en formarse nesta materia e que cumpran os requisitos establecidos a inscribirse na mesma e tamén agradeceu de antemán “a colaboración das empresas que farán posible que o alumnado poida poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante este curso, o que será de moita axuda de cara á súa futura inserción no mercado laboral como monitoras e monitores de actividades de tempo libre”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar