O Concello abrirá o luns 8 de febreiro o prazo de inscrición no curso de Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados

Versión para impresoraEnviar a un amigo
pop-zebra-4q3Ogm3Kt44-unsplash_315.jpg

Haberá un total de quince prazas e a formación terá lugar entre o 22 de febreiro e o 3 de marzo.

O Concello abrirá o vindeiro luns, día 8 de febreiro, o prazo de inscrición nun curso de ´Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados´ que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

Os contidos incluirán formación en sensibilización medioambiental e perspectiva de xénero e tres charlas relacionadas coa empregabilidade no sector naval, a implementación das medidas de prevención e a revisión dos EPIs e o seu mantemento. As horas de formación totais serán 28 (16 horas de Prevención de Riscos Laborais e 12 horas de módulos adicionais) e realizaranse en quenda de mañá, cun horario previsto de 9.30 a 13.30 horas de luns a venres, desde o 22 de febreiro ate o 3 de marzo de 2021.

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, informou de que haberá un total de 15 prazas para maiores de 18 anos, desempregados e empadroados en Narón, que non teñan concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida temporalmente na súa realización. A selección do alumnado será por rigorosa orde de inscrición no Rexistro. O prazo de presentación das solicitudes iniciarase o día 8 de febreiro ás 8.30 horas e rematará o día 15 de febreiro ás 13.30 horas. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no  Rexistro Xeral do Concello de Narón, Sede Electrónica, e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a Sede electrónica, sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais ou contactar co Servizo Sociocomunitario, teléfono 981 33 77 00, ext. 1108/1109.

 

 

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar