O Concello abrirá o vindeiro mércores o prazo de inscrición nun curso de Peixaría convocado a través do Programa Municipal de Formación

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Peixaria_2019_Naron.jpg

O Concello abrirá o vindeiro mércores, día 4, o prazo de inscrición nunha acción formativa de Peixería, incluída no Programa Municipal de Formación.

Este curso diríxese a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e desempregadas, tal e como recordou a concelleira responsable de Formación, Natalia Hermida. A edil naronesa explicou que en total hai 15 prazas disponibles que se cubrirán por orde de inscrición. 

O curso ten un total de 400 horas formativas, entre o 18 deste mes e o 21 de decembro deste ano, e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmáns Froilaz, na Gándara e inclúe ademáis unha parte práctica en obradoiros e empresas colaboradoras. Prevención de riscos laborais específicos, Hixiene alimentaria, Coñecemento e diferenciación de peixes e mariscos, Recepción, almacenaxe e conservación de peixes e mariscos, Tratamento e preparación do peixe e Atención ao público e adaptación ao posto de traballo son as materias que se impartirán nesta acción formativa. A formación en obradoiros de peixe será de 150 horas e as prácticas profesionais non laborais de 100 horas. As clases en aula (150 horas) impartiranse de luns a venres, entre as 8.30 e as 14.30 horas, se ben as prácticas nos obradoiros serán no mesmo horario pero de luns a venres ou de martes a sábado –en función do obradoiro- e as prácticas en empresa serán tamén de luns a venres ou martes a sábado e durante 6,5 horas ao día (consecutivas en un horario establecido polas propias empresas).

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata o día 11 deste mes –ás 13.00 horas- través do Rexistro Xeral do Concello –de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00-, da Sede Electrónica -https://bit.ly/2MQdcZh- e tamén a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O modelo de inscrición estará disponible no Rexistro municipal, se ben tamén é posible descargalo a través da Sede Electrónica do Concello. 

Para obter máis información sobre esta acción formativa pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1123; 2602; 1120 ou 1107), estando disponible tamén na páxina web do Concello de Narón – http://www.naron.es/web/docs/Curso-Peixeria.pdf - e na Sede Electrónica. “Nas vindeiras semanas iranse convocando novos cursos, ata completar a totalidade da oferta do Programa Municipal de Formación, polo que iremos anunciándoos a medida que se abran os prazos para que se poidan inscribir as veciñas e veciños de Narón que cumpran os requisitos establecidos”, apuntou Natalia Hermida. A edil naronesa agradeceu de antemán “a colaboración que un ano máis nos brindan as empresas para que o alumnado poida desenvolver a parte práctica das accións formativas, obtendo así o máximo rendemento da parte teórica das mesmas”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar