O Concello edita o libro “Os cines perdidos de Narón” e presenta a exposición que se inaugurará hoxe no Pazo da Cultura

Versión para impresoraEnviar a un amigo
libro_05052021_dameuntoke.png

A través do libro e da mostra poderase coñecer a historia das dez primeiras salas de cine que tivo o concello.

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, presentaron onte xunto co técnico en Museoloxía, conservación e xestión de museos Benjamín Hermida o libro “Os cines perdidos de Narón. Eco dos dez latexos cinematográficos de Narón (1934-1990)”, editado polo Concello de Narón. Hermida é o autor desta publicación, que recompila información e diversas imaxes de material sobre os dez cines que chegaron a funcionar na cidade. Parte dese material formará tamén parte da exposición “Os cines perdidos de Narón”, que hoxe ás 19.00 horas se inaugurará no Pazo da Cultura e que poderá verse ata o vindeiro 30 de maio, tal e como avanzou a alcaldesa. Tanto Hermida como os representantes do goberno local agradeceron a colaboración na montaxe da mostra dos integrantes do Cineclube Serie B Narón.

A través do libro e da mostra poderase coñecer a historia das dez primeiras salas de cine que tivo o concello, tanto na zona urbana como rural, que foron as de: Arizona (no lugar de Quintá, no Val), Avenida (Gándara de Sedes), Capitol (Sedes), Castro (no lugar de Nelle), Colón (A Gándara), Dancing (estrada de Castela), Pedroso, Urimare (Xuvia), Virxen do Mar, e Vista Alegre (Doso). A ubicación, o aforo e a estrutura, os operadores, material, sesións, prezos da localidade e anécdotas forman parte da información que se recolle no libro, de 62 páxinas, e do que se editaron un total de 500 exemplares.

Benjamín Hermida explicou que “foi un traballo moi técnico e ao comezar a facelo atopei a parte máis humana, unha parte que quixen reflexar no libro recollendo anécdotas, comentarios, plasmando recordos… e esa parte humana sobrepasou á técnica no libro”. En canto á mostra do Pazo avanzou que “creamos unha antesala que representa aos cines galegos da década dos oitenta e unha vez que se pasa o telón empeza a mostra dos cines propios de Narón”. Esta mostra é froito dun intenso traballo realizado por Hermida e no que colaboraron máis dun centenar de persoas que a título particular cederon boa parte do material que se poderá ver no Pazo.

“Con esta exposición recuperamos unha parte importante da historia de Narón, concretamente datada entre os anos 1934 e 1990”, apuntou Ferreiro, que destacou que “a práctica totalidade do material que se poderá ver doárono os seus anteriores propietarios ao Concello de Narón”. Ferreiro subliñou que “o feito de que persoas particulares donen ou cedan ao Concello este material permitiunos organizar esta exposición, polo que quero agradecer publicamente a súa colaboración totalmente desinteresada para que todas e todos poidamos apreciar e valorar esta parte da nosa historia”.

Así mesmo, a alcaldesa recalcou que “a doazón ou cesión do material é fundamental, pero tamén o intenso labor que dende o ano 2018 realizou Benjamín Hermida, que se encargou do traballo de campo e de entrevistar a todas esas persoas que colaboran nesta iniciativa e fixeron posible organizar esta exposición na nosa cidade”.

O comisario desta mostra, Benjamín Hermida, explicou que “contará con máis de seiscentas pezas entre o material expositivo, con espazos propios de cada un dos dez cines e tamén outros comúns a todos eles”. Así mesmo, indicou que este traballo que permitiu editar o libro e tamén organizar a mostra é resultado de entrevistar a un centenar de persoas de diferentes familias, propietarias de material e tamén profesionais que traballaron nos cines, como proxectistas, porteiros…”.

Ferreiro e Romero animaron ás veciñas e veciños a visitar a mostra para coñecer parte da historia da cidade e anunciaron que o libro se entregará ás persoas que colaboraron neste traballo e tamén se levarán exemplares a instalacións municipais como a Biblioteca, centros cívicos sociais…

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar