O Concello habilita a web Buscocole para facilitar ás familias información sobre os seus centros educativos de referencia na cidade

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R-Marián Ferreiro e Mercedes Taibo.jpg

O Concello de Narón conta desde hoxe cunha nova ferramenta web, nesta ocasión específica para axudar ás familias da cidade a coñecer os seus colexios de referencia, en función dos seus domicilios. Buscocole é o nome desta páxina, á que se pode acceder desde a dirección: buscocole.naron.es tamén cun aloxamento na web do Concello de Narón (www.naron.es)- e que presentaron esta mañá a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo. “A través desta web, as familias que residen na cidade e teñen que escolarizar aos seus fillos e fillas dispoñen dun xeito moi sinxelo de toda a información que precisan das escolas do CRA, das escolas infantís, dos centros públicos e concertados e dos institutos de Narón”, explicou Ferreiro, que convidou á veciñanza a facer uso desta nova ferramenta.

A modo de rueiro, faise unha diferenciación entre a zona urbana, a rural e hai un apartado específico para a rúa da Garda e a estrada de Castela. Unha vez que se selecciona esa área e, a continuación, se especifica a rúa do domicilio familiar –tamén se ofrece unha posible búsqueda en función da idade do menor a escolarizar- ofrécense os centros de referencia para cada caso. 

Un plano de localización, a dirección, o correo electrónico e teléfono, a páxina web, servizos e niveis educativos ofertados son parte desa información que se ofrece directamente aos usuarios e usuarias da web Buscocole. “Trátase de ofrecer aos pais e nais a máxima información posible de cada un dos centros para que á hora de elixir coñezan perfectamente os servizos dispoñibles en cada unha destas instalacións educativas”, apuntou Ferreiro.

A alcaldesa valorou o traballo realizado e o resultado do mesmo, e destacou tamén “a importante labor que no proceso de elaboración desta web desempeñaron os representantes dos centros de ensino da cidade, que ofreceron a súa colaboración para que o resultado final fose o mellor posible”.

A nova páxina web darase a coñecer tamén nun acto público convocado para o vindeiro 26 de febreiro no Auditorio municipal, que dará comezo ás 17.30 horas. Na convocatoria ademáis de representantes do goberno local, tal e como avanzou Ferreiro, estarán presentes os directores e directoras dos centros de ensino públicos de Narón. Serán estes últimos, indicou, os encargados, como cada ano, de explicar ás familias, como cada ano por estas datas, o proceso de escolarización e os proxectos educativos e recursos de cada centro. Na convocatoria informarase tamén sobre a nova web municipal, Buscocole, dando a coñecer deste xeito todos os recursos á disposición da cidadanía con fillos e fillas en idade escolar.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar