O Concello impulsa a campaña Felicita o Nadal en Galego a través do Servizo de Normalización Lingüística

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Rchristmas-1911637_640.jpg

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón anima ás veciñas e veciños a felicitar estas festas en lingua galega a través da campaña Felicita o Nadal en galego. Co fin de facilitar esta labor ás persoas interesadas, tal e como explicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, a través das webs do Concello e do Servizo de Normalización Lingüística poderanse descargar un total de sete modelos de postais para enviar mediante redes sociais como Facebook ou Twitter. Os deseños realizados están dispoñibles na web do Concello, a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/nadal2016. 

A maiores deses deseños que se ofrecen en canto ás imaxes a enviar, tamén se proporcionan como novidade este ano varias mensaxes de diferentes estilos para acompañar as felicitacións, que se poden descargar tamén no citado enlace da web municipal.

“Desde o ano 2010 o Concello de Narón ofrece esta opción ás veciñas e veciños, para que feliciten o Nadal na nosa lingua, o galego, e teñan á súa disposición os recursos precisos para facelo a través da administración local”, apuntou a edil. Taibo recalcou que o Servizo de Normalización Lingüísitca municipal, a través do que se programa esta iniciativa, “contribúe a dinamizar a lingua galega ao tempo que ofrece asesoramento de balde para o seu correcto uso nos distintos ámbitos”. Deste xeito, indicou, pódese recorrer ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón para que revise eses textos de felicitación, debendo dirixirse as persoas interesadas ao correo electrónico: a.pita@naron.es.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar