O Concello impulsa o programa “Escolas no Camiño”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Escolas no Camiño1.jpg

As concelleiras de Turismo, Natalia Hermida, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron hoxe o programa municipal “Escolas no Camiño”.

Esta é unha iniciativa impulsada polo Concello naronés a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e enmarcada na convocatoria de proxectos de dinamización do Xacobeo 2021.

Os destinatarios deste proxecto, son uns 700 alumnos e alumnas de dez centros de cuarto e quinto curso de Primaria de colexios públicos e concertados da cidade e no que tamén participarán profesorado e estudantes de segundo ciclo de Turismo do CIFP Rodolfo Ucha, que colaborarán como guías e informadores turísticos. A iniciativa presentarase nos centros de ensino da cidade, a donde se enviou unha carta explicativa deste programa.

“Trátase dun programa a través do que apostamos por difundir entre o alumnado da cidade e o resto de destinatarios desta iniciativa a riqueza natural, histórica e patrimonial do Camiño Inglés a Compostela, ao seu paso por Narón”, apuntou Hermida. A edil de Turismo explicou que se levarán a cabo “obradoiros en horario lectivo de preparación nos centros de ensino e unha saída turística conxunta polo tramo naronés do Camiño Inglés a Compostela de todos os escolares participantes neste programa e na que se ofrecerá información sobre elementos singulares da cidade, como o mosteiro de San Martiño de Xuvia e o muíño das Aceñas, entre outros”. Os obradoiros, de case unha hora de duración e que impartirá o historiador municipal de Narón, Andrés Pena Graña, consistirán nunha charla na que se explicará a historia da peregrinación e as rutas milenarias a Galicia; a presenza do Camiño a Santiago en Narón e Ferrolterra e os Fitos e puntos singulares do Camiño Inglés ao seu paso polo Concello, según avanzou a concelleira de Turismo.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou que os colexios que queiran participar neste programa deben inscribirse entre o 16 e o 18 deste mes. En canto ás datas nas que se desenvolverá a iniciativa, Taibo indicou que os obradoiros se levarán a cabo entre o 30 de setembro e o 18 de outubro, mentres que a ruta conxunta de todo o alumnado participante está programada para o 22 de outubro. Nesta ruta, que sairá do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, e rematará no paseo marítimo de Xuvia cun concerto de música tradicional galega, colaborará, a modo de guías, alumnado de prácticas do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas do CIFP Rodolfo Ucha, ao que Taibo agradeceu a súa colaboración nesta iniciativa. A maiores, tal e como avanzou a edil de Turismo, “gravarase un vídeo con drons para ter un recurso turístico máis donde os protagonistas serán os nenos e nenas de Narón, que se encargarán de promocionar o Camiño Inglés ao seu paso polo concello”.

“O programa Escolas no Camiño ofrecerá a oportunidade de divulgar parte da historia de Narón e comarca, das diferentes rutas de peregrinación a Santiago e, en particular do Camiño Inglés, así como incidir na importancia da peregrinación e das rutas xacobeas, que forman parte da identidade do noso pobo”, recalcou Hermida. A edil de Turismo subliñou ademáis “a posibilidade de amosar a riqueza patrimonial dos elementos singulares do Camiño ao seu paso por Narón, fomentar a actividade física e facer partícipes aos alumnos e alumnas da importancia do Ano Xacobeo para Galicia”.

“Esperamos que sexa todo un éxito”, asegurou Hermida, que recalcou que “estamos moi orgullosos de que os nenos e nenas de Narón teñan ese protagonismo e promocionen o Camiño Inglés ao seu paso por Narón”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar