O Concello inicia hoxe os actos do programa de Entroido cunha festa infantil en Xuvia

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Rcarnival-3075883_640.jpg

O programa para celebrar o Entroido na cidade comezará a desenvolverse esta mesma tarde cunha festa infantil que se celebrará baixo unha carpa na Praza do colexio de Xuvia. A cita será a partir das 17.00 horas e haberá inchables e animación musical. Esta proposta festiva organízaa o Concello en colaboración coa Asociación de Veciños Altea, de Xuvia. 

Na xornada de mañá, sábado, terá lugar o tradicional Festival de comparsas de Entroido, no que participarán un total de dez agrupacións. Do concello de Narón amenizarán a convocatoria: Os Argalleiros, da Gándara; Tróupele, Tróupele, tamén da Gándara; Semente Revoluçom, de San Mateo; Os Mangurriás, de Xuvia; Os Parrandolos, de Piñeiros e Os Colludos, do Alto, se ben se sumarán A Revolta, de Ferrol, A Canteira, de Neda; Vide vindo, de Ferrol e Os Trastos, de Valdoviño. As dez comparsas concentraranse ás 17.00 horas no Pavillón da Mocidade, na Gándara, desde donde partirán ás 17.15 polas rúas Bispo Argaya, Villalba, Lugo, Wenceslao Fernández Flórez, estrada da Trinchera, estrada de Castela, avenida de Santa Icía e avenida da Solaina ata a pista polideportiva da Solaina. Nesta última ubicación comezará ás 18.00 horas o Festival de comparsas, con premios (unha figura conmemorativa do Día do Entroido) para as tres mellor puntuadas polo xurado. O enxeño das cancións a orixinalidade dos disfraces, a crítica e o que cada formación represente para a recuperación do Entroido en Galicia serán algúns dos aspectos que se valorarán no momento da puntuación.

A maiores, tamén no marco do Festival de comparsas, haberá un concurso de disfraces, para o que as persoas interesadas se poderán apuntar nun espazo que se habilitará no interior da carpa ubicada na pista polideportiva da Solaina. Diferenciáronse tres categorías: individual, parellas e grupos e entregaranse como premios cestas con produtos de Entroido ás persoas adultas e libros e entradas para espectáculos no Pazo da Cultura aos nenos e nenas. O Festival de comparsas de Entroido presentaráo a compañía Teatro Ghazafelhos e no apartado musical actuará a banda Los Mecánicos.

Así mesmo, tamén se celebrará mañá a décimo quinta edición da Festa do Cocido da Gándara, coorganizada polo Concello e a AVV da Gándara. Ás   13.30 animarán as rúas do barrio comparsas do Entroido de Narón e ás 14.00 comezará o xantar popular, a base de sopa, lacón, orella, chourizo, costela, grelos, garavanzos, patacas, pan e bebida, cunha sobremesa de torradas de anís e café. Un grupo musical amenizará a festa a partir das 17.00 horas.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar