O Concello ofertará este ano dezaséis cursos dirixidos a veciñas e veciños de Narón a través do Programa Municipal de Formación

Versión para impresoraEnviar a un amigo
the-climate-reality-project-Hb6uWq0i4MI-unsplash_315.jpg

A duración conxunta dos cursos supón algo máis de 3.000 horas de formación teórica e práctica.

A Concellería de Formación, dirixida pola edil Natalia Hermida, programou un total de dezaseis cursos a través do Programa Municipal de Formación para este ano. A edila naronesa explicou que un deles, sobre Prevención de Riscos Laborais (nivel básico) se iniciou o pasado 18 de xaneiro e outro, de Operacións básicas de Cociña, comezará a impartirse o vindeiro 1 de febreiro. “Trátase de formación que se dirixe nestes casos a persoas desempregadas, maiores de 18 anos e empadroadas en Narón, polo que a través deste programa municipal ofrecemos ás nosas veciñas e veciños unha ampla oferta formativa co fin de mellorar as súas futuras opcións de empregabilidade”, recalcou Hermida.

A concelleira avanzou que estes cursos “supoñen algo máis de 3.000 horas de formación, teórica e nalgúns casos tamén práctica, realizándose esta última grazas á colaboración das empresas”. Hermida valorou as previsións municipais en materia de Formación e destacou o traballo que se realiza nesta área, “e que nos permitiu iniciar xa este mesmo mes de xaneiro esa formación, sen dilatar no tempo o inicio do programa para continuar desenvolvendo o resto dos cursos ao longo do ano”.

A formación prevista será sobre: Permisos C e E CAP (camión); Permisos D con CAP (autobús); Inglés para obtención de título oficial; Monitor/a de tempo libre; Instalación de pladur, pintura e revestimentos; Montaxe de estadas multidireccionais (dúas edicións); Operador/a de ponte guindastre; Operacións básicas de cociña; Panadería e bolería; Peón forestal-extinción de incendios; Prevención de Riscos Laborais; Prevención de Riscos Laborais Naval e Medio Ambiente no Naval; Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras con certificación UNE e Prevención de Riscos Laborais traballos en altura e en espazos confinados. “Trátase dunha oferta moi diversificada, relativa a varios sectores, e que se imparte no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, seguindo en cada momento as indicacións sanitarias establecidas para a prevención da Covid-19”, apuntou Hermida.

A maiores destes cursos, indicou, “continuamos esperando a convocatoria da Xunta para as Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (AFD); está iniciado o Programa Integrado de Emprego (PIE) de Galicia para a Mancomunidade, dirixido a mulleres desempregadas e empadroadas nos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda ou Valdoviño e que cumpran unha serie de requisitos, e tamén está pendiente a formación da Aula Cemit de Xuvia, onde se prevén realizar entre febreiro e abril tres cursos: de Ofimática, preparatorio exame Códix; Internet e informática básica e Xestión RRHH, en conxunto case cincocentas horas máis de formación”.

A concelleira naronesa recordou que a maiores da formación “dende o goberno local continuamos mellorando as instalacións nas que se impartirán a maior parte destes cursos, o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz”. Unha desas melloras, explicou, será a mellora da accesibilidade do centro de formación no que se investirá algo máis de 100.000 euros. A segunda actuación programada é a rehabilitación da envolvente térmica das citadas instalacións, que permitirán mellorar as condicións térmicas de habitabilidade e a eficiencia enerxética e que se cofinanciará con fondos europeos, supoñendo un investimento de algo máis de 370.000 euros.

Así mesmo, o Concello ven de reforzar o seu servizo de intermediación laboral coa contratación de persoal técnico que leva a cabo as accións que permiten conectar as ofertas de traballo das empresas da zona coas persoas que buscan emprego, a través de visitas a empresas para coñecer os perfís profesionais que precisan e coñecer deste xeito as necesidades formativas. Este servizo diríxese a persoas autónomas e Pemes que precisen candidatos/as para novas contratacións e tamén persoas desempregadas ou en situación de mellora de emprego. Para facer uso deste servizo, tal e como indicou Hermida, as empresas poden facelo presencialmente –no servizo de Orientación Laboral- ou por teléfono (981 337 700, ext. 1117) e os particulares deben acudir ao servizo de Orientación Laboral e outros programas de emprego.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar