O Concello programou varias actividades dirixidas a todos os públicos para conmemorar na cidade o Día do Libro

Versión para impresoraEnviar a un amigo
dameuntoke_2242021_libro.png

Ferreiro e Taibo animaron ás veciñas e veciños a participar nestas actividades, pensadas para levar a cabo un ano máis atendendo ás restricións sanitarias derivadas da covid-19.

O Concello organizou varias actividades para conmemorar o Día do Libro, o vindeiro 23 de abril. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, deron a coñecer as diferentes propostas, “dirixidas a todos os públicos e moi variadas, co fin de ofrecer a oportunidade de que a veciñanza participe activamente nas mesmas”, tal e como indicou Ferreiro.

Na Biblioteca municipal organizouse a actividade “O meu libro é para ti”, na que participaron unha vintena de persoas que agasallaron co seu libro favorito a outra persoa e recibiron ao tempo unha lectura especial para alguén. Os participantes elixiron un libro seu ou mercárono e escribiron nas primeiras follas o motivo polo que lles gustou ou foi especial para eles antes de entregalo ao seu destinatario/a, por correo postal ou que o pasase a recoller na propia Biblioteca tras pasar a pertinente corentena a publicación debido á actual situación sanitaria.

A Biblioteca acollerá tamén dende este venres e ata finais de mes a exposición bibliográfica “O nunca lido”, da que formarán parte libros que, a pesares de ser moi interesantes, nunca saíron en préstamo das citadas instalacións.

A maiores, na Ludoteca municipal da Solaina tamén se deseñaron varias actividades para conmemorar o Día do Libro e dirixidas a menores de 3 a 12 anos. Comezou esta semana coa proposta “Realización artística para a galería de arte da ludoteca”, unha actividade artística na que os menores decidiron que pase a formar parte da citada galería a familia Bolechas. Así mesmo, hoxe e mañá –de 16.15 a 18.00 horas- as nenas e nenos de 3 a 6 anos elaborarán un mini libro de peto, no que se poderán incluír ilustracións, palabras, ou que pode servir como caderno de notas.  Neste mesmo horario terá lugar un obradoiro de escritura creativa, “Cadáver exquisito”, para os menores de 7 a 12 anos, que participarán nunha técnica de creación literaria que utilizaban os artistas surrealistas e coa que crearán relatos fantásticos xogando coas palabras e a imaxinación. Finalmente, o Día do Libro tamén haberá dúas actividades que darán comezo ás 17.00 horas: os contacontos “O señor Corpo quere xogar”, de Borrás Sanjurjo, e “O dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba”, de M. Prado e D. Aceituno. A segunda das propostas do venres diríxese a menores de 7 a 12 anos e consiste na elaboración do mural “Razóns para ler”, no que deixarán constancia dos seus gustos literarios, personaxes favoritos e as razóns polas que os libros son importantes nas súas vidas.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Narón programouse un espectáculo de monicreques, “Os libros da titiriteira”, de A Xanela do Maxín, dirixido a alumnado dos centros de ensino da cidade e que se desenvolverá vía streaming. Trátase dunha proposta na que se aposta por fomentar a lectura entre as nenas e nenos de entre 5 e 8 anos, idades para as que se recomenda, e na que se mestura un espectáculo de monicreques e contacontos. Poderase ver a través do enlace: https://www.youtube.com/watch?v=HI902SVCA-g o propio venres 23 de abril ás 12.30 horas e a duración aproximada é de 35 minutos.

Tamén dende o SNL se organizaron outras propostas ás que se poderá acceder dende os enlaces indicados e tamén dende un banner da web do Concellowww.naron.es- e que consisten nun obradoiro de marcapáxinas -https://player.vimeo.com/video/538613281-, a canción “Imos de festa” -https://player.vimeo.com/video/539045845- e o contacontos “Xan das ondas” -https://player.vimeo.com/video/539076828-. Trátase de tres vídeos de Barafunda que se poderán ver nas vindeiras semanas e que se programan tamén con motivo do Día do Libro.

A todas estas propostas súmase un obradoiro de fabricación de papaventos e papiroearonáutica a través do que se trata de promover o uso da lingua galega no lecer. A actividade terá lugar o vindeiro 30 de abril no parque do paseo marítimo de Xuvia, de 17.00 a 19.00 horas. A edil de Ensino avanzou que se trata dunha proposta dirixida a menores a partir de seis anos e que poden participar todas as persoas que o desexen, sen precisar inscribirse previamente. O número de participantes estará limitado pola capacidade da instalación e comezarán por orde de chegada, podendo unirse outras persoas a medida que queden ocos libres.

Ferreiro e Taibo animaron ás veciñas e veciños a participar nestas actividades, pensadas para levar a cabo un ano máis atendendo ás restricións sanitarias derivadas da covid-19 e que se programaron tanto en instalacións municipais como ao aire libre ou mesmo vía telemáticapara así facilitar a participación da veciñanza”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar