O Fondo Galego crea unha enquisa para indagar sobre as inquedanzas da mocidade na sostibilidade ambiental

Versión para impresoraEnviar a un amigo
planta_10062021_dameuntoke.png

Dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade inciden na necesidade de comprender por que a mocidade percibe a emerxencia climática como unha das maiores ameazas para o seu futuro.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanzou unha enquisa para indagar sobre as inquedanzas sobre a sostibilidade ambiental no marco do proxecto europeo “People & Planet”. A concelleira de Benestar Social e representante do Concello no citado organismo, Catalina García, explicou que esta enquisa se dirixe a mozas e mozos de entre 15 e 34 anos, que poden cubrila a través do formulario: http://bit.ly/EnquisaGal.

Os resultados desta sondaxe, que se desenvolve de xeito simultáneo nos oito estados membros da Unión Europea que participan no citado proxecto, permitirán coñecer mellor as inquedanzas da mocidade en relación coa crise climática, a escaseza de auga ou os novos hábitos sostibles, co fin de darlles voz para que os poderes públicos as teñan en conta.

Dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade inciden na necesidade de comprender por que a mocidade percibe a emerxencia climática como unha das maiores ameazas para o seu futuro, entendendo as súas preocupacións e incertidumes e acollendo as súas propostas e solucións. Así mesmo, indican que segundo un recente estudo o ano 2020 foi o que rexistrou unhas temperaturas máis elevadas dende que se teñen rexistros e que tanto a concentración de gases con efecto invernadoiro como o nivel do mar seguen subindo, ao tempo que a escaseza de auga afecta a máis do 40% da poboación global.

O proxecto “People & Planet”, ao que se adheriu o Concello de Narón, ten entre os seus obxectivos concienciar aos mozos e mozas europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático co fin de que eles mesmos se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. O pasado 5 de xuño, tal e como recordou García, o Concello participou no apagón convocado con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e convocado tamén polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto “People & Planet”.

A concelleira naronesa animou ás rapazas e rapaces de entre 15 e 34 anos a sumarse a esta convocatoria para traballar conxuntamente en materia de sostibilidade ambiental.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar