NOVAS

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro mércores a proxección do documental “Gernika, el bombardeo”

Publicado o 25 de Abril de 2017

O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación Memoria Histórica Democrática na organización dun novo acto en lembranza das vítimas do bombardeo de Gernika.

O acto terá lugar o 26 de abril, cando se cumplen 80 anos. A convocatoria consistirá na proxección de “Gernika, el bombardeo” e nun posterior coloquio programados no Café Teatro do Pazo da Cultura. A cita será a partir das 19.30 horas e Enrique Barrera, historiador e directivo da Asociación Memoria Histórica Democrática, será o encargado da presentación.

O Concello de Narón colaborou recentemente coa citada asociación na organización doutros eventos para recordar e homenaxear ás vítimas do bombardeo de Gernika. O pasado mes de marzo plantouse fronte ao Pazo da Cultura un retoño da árbore de Gernika, símbolo da liberdade e da paz. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu o citado acto, que contou coa colaboración das Juntas Generales de Bizkaia, acudindo en representación das mesmas a súa presidenta, Ana Otadui.