O Speis entregará un diploma de “Heroe” aos menores que realicen un debuxo agradecendo o traballo das persoas que loitan contra o coronavirus

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_table-3281047_640.jpg

O Concello de Narón puxo en marcha a través do Speis unha nova iniciativa dirixida aos nenos e nenas da cidade co obxectivo de amenizarlles a estancia nas súas casas nestes días de confinamento debido ao estado de alarma. Ao tempo que felicitan aos menores porque o están facendo moi ben, a través dun vídeo, encoméndanlles unha misión. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que esta misión consiste en que “as nenas e nenos realicen un debuxo a través do que agradecerán o traballo que están realizando estes días as persoas que continúan traballando para garantir a seguridade e saúde de todas e todos nós e tamén que poidamos seguir contando cos servizos básicos”.

Persoal sanitario, transportistas e transporte público, persoal de establecementos de alimentación, voluntarios de ONGs e asociacións, ou traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza, das gasolineiras, farmacias, policía, Garda Civil, bombeiros… deben ser os protagonistas destes debuxos. Unha vez rematados, tal e como avanzou a alcaldesa, deberán enviarse á dirección de correo electrónico: speisintervencion@naron.es, que os subirá ás súas redes sociais e, ademais, a cada neno ou nena que participe, entregaralle un diploma de “Heroe”, en recoñecemento á súa colaboración por permanecer na súa casa durante o confinamento e axudar a loitar contra o coronavirus.

“Animamos ás nenas e nenos a participar nesta iniciativa, coa que lles queremos agradecer a súa colaboración e por saber e entender que nestes días tan complicados non poden saír das súas casas porque así, entre todas e todos nós, colaboraremos para evitar a propagación do coronavirus”, asegurou Ferreiro.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar