Os espectáculos do programa N de Narón, a festa das Letras trasládanse ao Pazo da Cultura

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_N de narón 2019_cambio espazo.jpg

A programación de “N de Narón: A festa das Letras” deseñada polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas trasladarase ao hall do Pazo da Cultura. As previsións de mal tempo para a xornada do venres, día 17, fixeron modificar a ubicación, prevista inicialmente na Praza da Lectura, en Santa Icía. Desde o Concello recordan que se trata dunha proposta con numerosos espectáculos e obradoiros durante a mañá e a tarde do vindeiro venres dirixidas a todo tipo de públicos. 

A programación iniciarase cun espectáculo de maxia, a cargo do ilusionista Martín Camiña, sobre a vida de Antonio Fraguas, escritor natural de Pontevedra e ao que este ano se adica o Día das Letras Galegas. “Antonio… Fraguas unhas ilusións con nós?” é o título do espectáculo, que comezará ás 12.00 horas. Un pouco máis tarde, sobre as 13.00 horas, actuarán Fantoches Baj (Inacio e Carlos Quintá), que protagonizarán o espectáculo “Os romeiros do caracol”, sobre un estudo das romarías de Antón Fraguas. O santuario de San Andrés de Teixido centra esta peza, sobre cuxas peregrinacións, cancións, lendas… escribiu Fraguas na obra Romarías e Santuarios de Galicia. Os irmáns Quintá levan ao seu defunto avó, tal e como lle prometeran, a San Andrés en forma de caracol e volven á casa tras cumprir a ofrenda nunha caravana caracol que lles serve de teatriño de títeres para contar historias que viron e escoitaron eles mesmos en San Andrés.

Pola tarde, ás 17.30 horas terá lugar o espectáculo Nono, da compañía Pistacatro. Marionetas, malabares e clown forman parte desta proposta na que o humor cobrará especial relevancia e ás 18.30 horas, será o turno de María Fumaça, co espectáculo “As que máis molan”.

As persoas que se acheguen ao Pazo da Cultura terán a oportunidade, durante todo o día –de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.30 horas, de participar nas propostas ofertadas desde Garabato de Xogo, Espazo percubebé, A Alfombra máxica e mesmo un espazo de Xogo libre.

Co gallo do Día das Letras Galegas tamén haberá un stand propio da Biblioteca municipal e dous das librarías Day e Galicia, onde se poderán ver as últimas novidades de publicacións en galego, e tamén obras do autor homenaxeado este ano o 17 de maio, Antonio Fraguas.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar