Terceira edición do "Ponte en ruta con nós"

Versión para impresoraEnviar a un amigo
ruta.jpg

O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou a terceira edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Padroado de Deportes de Narón.

Esta exitosa iniciativa retomarase o vindeiro 29 de outubro e contempla un total de oito saídas pola comarca, que rematarán o vindeiro mes de xullo. “Un ano  máis programamos un completo calendario de roteiros para percorrer a pé o noso concello e outras zonas de interese da nosa comarca, tratando así de fomentar o deporte entre a cidadanía e tamén coñecer un pouco mellor determinados espazos naturais”, apuntou Romero. O edil naronés animou á veciñanza a participar un ano máis nesta proposta, ao igual que o fixeron nas dúas anteriores edicións, nas que este programa obtivo moi boa acollida.

A primeira das rutas programadas é a Ruta dos paseos, o 29 deste mes, un percorrido circular –con saída ás 10.00 horas do pavillón polideportivo da Gándara- no que os asistentes camiñarán uns 13 quilómetros nun tempo dunhas dúas horas e media. O punto de partida será na zona da Gándara, para dirixirse ao paseo de Xuvia, por un tramo do Camiño Inglés, cara ao concello de Neda e regresar polo paseo de Xuvia ata a Gándara. As inscricións poden formalizarse a partir do vindeiro luns, día 9 de outubro.

A finais de novembro, o día 26, o percorrido será entre A Gándara e o Mirador de Ancos (Neda), tamén duns 12 quilómetros e para realizar nunhas tres horas

O vindeiro ano a primeira das saídas será o 28 de xaneiro, cun roteiro que comezará no Castelo da Palma (Mugardos) e rematará en Punta Coitelada (Ares); o domingo 25 de febreiro o tramo a percorrer será a Senda da Memoria, na zona do Lago das Pontes; o 25 de marzo os camiñantes irán pola zona da Fervenza do Bellele e o 22 de abril polos Montes de Brión e o Mirador de Monteventoso (Ferrol). As dúas últimas rutas do programa son o 27 de maio, entre Ponzos e o Faro de Meirás (Valdoviño), pola senda Ártabra, e o 1 de xullo –data pendente de confirmación- terá lugar a andaina que porá fin a esta terceira edición de “Ponte en ruta con nós”, desde o antigo Concello en Xuvia ata a área recreativa de Pedroso.

Inscricións

 

  • As persoas interesadas en anotarse deberán facelo no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10.00 a 13.00 e os venres de 9.00 a 13.00 horas.
  • As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
  • Data límite para anotarse o mércores anterior á data de saída do mes correspondente. 
  • O prezo a abonar para asistir é de 3 euros, unha cantidade coa que se pagan os traslados en autobús dos camiñantes ata o punto de inicio da ruta e o regreso ao punto de recollida. 

 

Desde o Concello recordouse que non poden asistir menores de 18 anos sen estar acompañados pola nai, o pai ou titor/a.

DocumentoTamaño
Ficha inscrición Ponte en ruta con nós.pdf63.91 KB
Ponte en ruta con nós (III).pdf261.07 KB
 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar