Uns 1.500 escolares e docentes de colexios de Narón e comarca participaron esta mañá no peche de actividades do programa Correlingua

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_Correlingua 2019.jpg

O Pazo da Cultura acolleu esta mañá o acto de peche das actividades do Correlingua 2019, que este ano se celebrou baixo o lema “O galego é a fórmula”. Unhas 1.500 persoas, entre escolares e profesorado de colexios de Narón, Ferrol, Fene e Neda, participaron nos actos desenvolvidos hoxe no Pazo, que deron comezo ás 10.00 horas cunha primeira quenda dos participantes. A actriz galega Isabel Risco foi a encargada de presentar o acto, no que alumnado do CEIP Centieiras, de Fene, leu un manifesto antes de proceder a visionar os vídeos gañadores desta edición para, a continuación, presenciar a actuación de Paco Nogueiras. 

Este ano o acto, organizado pola AS-PG, a CIG Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración co Concello de Narón, entre outras entidades e administracións, celebrou a súa décimo novena edición. Acudiron ao Pazo alumnas, alumnos e profesorado dos CEIP da Solaina, Virxe do Mar e Piñeiros e do CRA de Narón e tamén dos colexios de Recimil, Terra de Ferrol, A Laxe, Maciñeira, Os Casais, Centieiras, Isaac Peral e San Isidro, de Ferrol, Fene e Neda.

Ás 11.00 horas rematou a primeira quenda, co que o alumnado que estaba no interior do Pazo saiu ao exterior para regresar de novo aos seus centros escolares, ao suspenderse por mor da choiva a carreira prevista polas rúas próximas ao Pazo da Cultura. A continuación a segunda quenda de alumnas e alumnos entrou no Pazo e, unha vez dentro, Isabel Risco presentou de novo o evento e alumnado do CEIP Os Casais, de Fene, leu o manifesto. De seguido o programa continuou co visionado dos vídeos gañadores e a actuación de Paco Nogueiras. 

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazouse tamén ao Pazo para reunirse cos participantes no Correlingua 2019 e darlles a benvida, agradecéndolles a súa participación, así como o labor da organización. “Pasaron hoxe polo Pazo da Cultura mil cincocentas persoas, lendo un manifesto a prol da lingua galega, a nosa lingua. Unha lingua pola que apostamos e da que defendemos o seu futuro con actividades como o Correlingua”, asegurou. 

Taibo recalcou o papel deste evento “para reivindicar o dereito de medrar en galego e, ao tempo, de sensibilizar á sociedade sobre a importancia de utilizar o noso idioma”. Finalmente a concelleira pediu aos asistentes que manteñan “ese mesmo compromiso da organización deste evento na súa aposta por utilizar o galego día a día, para manter viva a nosa lingua”, ao tempo que subliñou que “nese compromiso quero que saibades que contaredes sempre co apoio do Concello de Narón”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar