Uns 4.500 escolares de Narón e comarca acoden ás representacións da 37ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil organizada polo Padroado

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Mostra de teatro1.jpg

Preto de 4.500 escolares de Narón acudirán este ano a algún dos espectáculos da 37 edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil (MOTIX) organizada dende o Padroado da Cultura de Narón e que comezou o 2 de novembro no Auditorio municipal. O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, indicou que se trata dunha proposta dirixida aos centros de ensino de Narón e comarca, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de decembro no Auditorio municipal, no Pazo da Cultura e nas aulas de centros de infantil e na que este ano participan escolares dunha vintena de centros de ensino e tamén das tres escolas infantís municipais e da unidade de Infantil do CPR Santiago Apóstol de Narón.

Esta semana o alumnado de educación Infantil dos centros naroneses da Solaina, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, O Feal e tamén do GOA San José (Pontedeume), Centieiras e Xunqueira (Fene), Juan de Lángara (Ferrol), e Unión Mugardesa (Mugardos) acude no Auditorio á representación da obra “De aquí para alá”, de Lydia Botana. Organizáronse dous pases cada día, ás 10.00 e ás 12.00 horas, para representar este espectáculo de música infantil no que o público viaxa arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando músicas de diferentes lugares, como Brasil, Cuba, Xamaica, Os Balcáns, Galicia…

A vindeira semana, o martes 9 e o mércores 10 será o turno do alumnado de terceiro e cuarto curso da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato, que no Pazo da Cultura poderá ver a obra “Me llamo Suleimán”, de Unahoramenos Producciones. O primeiro día haberá dous pases, ás 10.00 e ás 12.00, para alumnado do IES Trasancos, Santiago Apóstol, Jorge Juan e do CPI do Feal, de Narón e para o da Xunqueira, o centro de Catabois (Ferrol) e o de Saúde Mental Ferrol. O día 10 será o turno, ás 10.00 horas, do alumnado dos centros Carvalho Calero (Ferrol), IES As Telleiras e Saúde Mental Ferrol. Esta obra céntrase na emigración clandestina entre América e España, na viaxe que realiza quen emprende esta aventura. É unha adaptación teatral da novela homónima escrita por Antonio Lozano, que conta a historia de Suleimán, un neno que farto da situación de pobreza que vive o seu país, Mali, marcha co seu amigo Musa cara á próspera Europa.

A compañía Culturactiva tamén estará presente nesta Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, concretamente os días 16 e 17 de novembro, con dous pases cada día –ás 10.00 e ás 12.00- no Pazo da obra “Rosalía”. Nesa ocasión os espectadores serán escolares de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo curso da ESO dos colexios da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Jorge Juan, Santiago Apóstol, IES As Telleiras, O Feal, todos eles de Narón, e tamén do Juan de Lángara, Catabois, Xunqueira, Unión Mugardesa, e As Mirandas (Ares). A protagonista desta obra é Rosalía, esa muller que aínda non precisaba apelidarse Castro e que está a piques de marchar a Santiago. Na obra cóntase aos rapaces e rapazas que a infancia é o lugar onde medran as poetas.

A seguinte cita programouse para os días 24, 25 e 26 de novembro e diríxese a alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Santiago Apóstol, e o Feal, de Narón e, doutros concellos da comarca, do Juan de Lángara, Xunqueira, Virxe da Cela (Monfero), As Mirandas, Unión Mugardesa, Maciñeira (Neda) e Franza (Mugardos). A compañía Ghazafelhos representará no Pazo -10.00 e 12.00 horas- a obra “Pinocho”, unha adaptación libre da obra de Carlo Collodi realizada por Pepablo Patinho. A posta en escena combina os monicreques, o teatro e a música en directo para narrar unha emocionante aventura que amosará un camiño cheo de humor e sensibilidade.

O alumnado de educación Infantil é o destinatario das últimas sesións desta mostra teatral, que correrán a cargo da compañía Teatro ao Cubo, que protagonizará a obra “Nube, nube, sol”. O día 30 a representación será na escola infantil municipal de Piñeiros, o 1 de decembro na da Solaina, o 2 na da Gándara –nos tres casos con dous pases, ás 10.00 e ás 12.00- e o 3 de decembro será o turno do alumnado de infantil co CPR Santiago Apóstol. É un espectáculo cargado de diversión e aprendizaxe, pensado para achegar á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

“O pasado ano debido á situación sanitaria non puidemos celebrar a mostra pero retomámola de novo este ano para ofrecerlla, como fixemos, aos centros de ensino da cidade e doutros concellos da comarca “, apuntou Sánchez Fojo. O edil naronés incidiu na aposta que se realiza por incentivar a difusión de espectáculos culturais dirixidos neste caso a escolares de Narón e comarca, con entrada de balde, para completar as unidades didácticas que previamente se realizan nas aulas en relación con esta mostra”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar