Uns 650 estudantes asistiron esta mañá á charla de divulgación científica “A música da mente” no Pazo da Cultura

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Charla no PazoR.png

O IES Cabo Ortegal, xunto cos IES Terra de Trasancos e o das Telleiras, en colaboración co Concello organizaron a charla de divulgación científica “A música da mente”, que se celebrou esta mañá, a partir das 11.00 horas, no Pazo da Cultura. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, acudiu tamén á convocatoria, acompañando aos preto de 650 alumnos e alumnas de cuarto curso de ESO e primeiro e segundo de Bacharelato de once centros ensino de Narón e comarca e preto de corenta docentes.

O profesor Xurxo Mariño, Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC, foi o encargado de impartir esta sesión, que se dividiu en dúas partes. Na primeira delas fixo unha introducción sobre o sistema nervioso e o seu sentido evolutivo, para a continuación pasar a explicar a actividade eléctrica das neuronas, a conversión das descargas eléctricas en sons, o que permite escoitar o funcionamento do cerebro, tal e como apuntaron desde a organización.

No caso de Narón asistiron a esta charla 160 alumnas e alumnos do IES das Telleiras; 75 do IES Terra de Trasancos e 61 do CPI do Feal, indicou Taibo. A edil naronesa asegurou que “o obxectivo destas charlas, que se convocan unha vez cada curso escolar, é divulgar a ciencia entre o estudantado e achegárllela un pouco máis co fin de que poidan xurdir vocacións entre os alumnos e alumnas da comarca”. 

A de hoxe foi a segunda edición na cidade destas charlas, según recordou Taibo, que valorou “a resposta do estudantado e a súa implicación neste tipo de convocatorias, interesándose polos temas que se abordan cada curso e solventando algunhas dúbidas sobre os mesmos da man de profesionais da ciencia”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar