Uns douscentos menores da cidade dispoñen xa dos seus diplomas de heroes e heroínas por agradecer con debuxos o traballo de diferentes colectivos durante o estado de alarma

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Debuxos 1_R.jpg

Uns douscentos nenos e nenas da cidade dispoñen xa dos diplomas de heroes e heroínas concedidos a través do Speis de Narón. Nos últimos catro días os menores enviaron ao citado servizo debuxos agradecendo o traballo que realizan estes días diferentes colectivos como bombeiros, policías, farmacéuticos, veterinarios, médicos, enfermeiras, traballadores do servizo de limpeza… “Queremos agradecer a gran resposta que tivo esta iniciativa entre as nenas e os nenos da nosa cidade, que estes días de confinamento están nos seus domicilios, tal e como se establece no decreto do estado de alarma, e colaboran así xunto coas súas familias nas medidas establecidas para frear a expansión do coronavirus”, asegurou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.

Os bombeiros do Speis realizaron un vídeo no que felicitan aos nenos e nenas polo ben que o están facendo e lles encomendan unha misión que, á vista do resultado, están cumprindo con creces. Os menores, de diferentes idades, afánanse estes días na realización dos variados debuxos que se poderán ver no Facebook do Concello de Narón, donde se irán publicando a medida que vaian chegando e que se entreguen os diplomas de heroe ou heroína.

O certame permanecerá activo mentres estea en vigor o estado de alarma, polo que tal e como recordou Ferreiro, aqueles nenos e nenas que queiran recibir o diploma poden facelo aínda enviando o seu debuxo, xunto co seu nome e apelidos, á dirección de correo electrónico: speisintervencion@naron.es. “A través destes diplomas queremos agradecer tamén aos nenos e nenas a súa colaboración durante estes días de confinamento e, ao mesmo tempo, facer extensivo ese recoñecemento ás persoas que, nos diferentes colectivos, continúan traballando”, subliñou Ferreiro. 

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar