A X Xornada Moteira Solidaria e o concerto da banda de rock Barón Rojo, entre as propostas do programa Nadal en Narón para este sábado

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Mar Gómez e José López QuintiánR.jpg

A cidade acollerá o vindeiro sábado, día 22, varios eventos do programa Nadal en Narón. A X Xornada Moteira Solidaria, coorganizada polo Concello e o Moto Club Fojeteiros, e o festival Rock Narón, son dúas das propostas da xornada que presentaron esta mañá a edil de Festas, Mar Gómez, e o presidente do Moto Club Fojeteiros, José López Quintián. A primeira das citas será a partir das 16.30 horas, a Xornada Moteira Solidaria, na que participarán, según as estimacións do Moto Club Fojeteiros, uns douscentos moteiros de Narón e doutros concellos. A edil de Festas animou ás veciñas e veciños de Narón e da comarca a desfrutar estes días na cidade “da completa programación de Nadal do concello, con propostas moi variadas, a maioría de balde, e pensadas para persoas de tódalas idades”.

A ruta moteira partirá ás 16.30 horas da Praza de Galicia, para realizar un percorrido cara á zona de Santa Icía, A Gándara e regresar á estrada de Castela ata Xuvia, dando a volta no antigo Concello para regresar á Praza de Galicia, donde chegarán con Papá Noel, que recibirá aos nenos e nenas baixo a carpa alí instalada. Os moteiros que acodan con vestimentas propias do Nadal recibirán unha consumición de balde e por cada quilo de alimentos non perecedoiros ou xoguetes que entreguen os asistentes para doar ao Centro de Recursos Solidarios de Narón tamén se poderá degustar de balde un chocolate. Na propia Praza de Galicia, e no marco desta Xornada Moteira Solidaria, recolleranse un ano máis tapóns de plástico para a causa “Alba, la promesa”, que se poderán entregar nun espazo habilitado para este fin. Quintián indicou ademais que se instalará un inchable para os menores, que tamén poderán conducir por un circuíto os karts do equipo de Educación Viaria do Concello.

En canto ao apartado musical, a concelleira de Festas recordou que a partir das 21.00 horas comezará na Praza de Galicia a terceira edición de Rock Narón. Este ano actuarán a banda de heavy metal e hard rock Barón Rojo, a banda de rock Sintrom ni Son, On Fire, o grupo de San Sadurniño The Nineties Rock The Machine e un DJ. Gómez convidou ás veciñas e veciños de Narón a desfrutar da música destes grupos de rock, nun evento que reúne cada ano a centos de persoas na cidade e con entrada de balde.

Así mesmo, o Mercado de Nadal –que abrirá desde mañá tamén na Praza de Galicia-, estará operativo entre as 16.30 e 21.00 horas, incluíndo mañá un espectáculo infantil ás 18.00: “A viaxe da palabra que non era Valente”, de Silvia Penide, con entrada de balde. O sábado será o turno de “As parábolas de Pakolas”, de Pakolas e do concerto de adultos de “Mad Martin Trío”, ás 18.00 e ás 20.00 horas respectivamente. Ademais, entre as 16.30 e as 18.00 horas e ata o 4 de xaneiro, todas as tardes os nenos e nenas que visiten este Mercado poderán participar en obradoiros de artesanía de Nadal, realizando postais con relieve ou pop up (mañá); arboliños de papel (o sábado); bonecos enrolados (o vindeiro domingo); caixiñas de agasallos (24 de decembro); adorniños navideños (26 de decembro); bolas de festa (o 27 de decembro); bonecos portafotos (28 de decembro); coroas ou guirnaldas de Nadal (30 de decembro); títeres de dedo (31 de decembro); caixiñas de segredos e animaliños lectores (2 de xaneiro); monedeiros (3 de xaneiro); e  catapultas de origami (4 de xaneiro). A oferta do Mercado de Nadal completarase, cun xardín efémero deseñado para a ocasión polo arquitecto paisaxista Martín Toimil e o seu equipo e con sete casetas de venda de produtos artesáns nas que se poderán mercar artículos de artesanía, produtos ecolóxicos, de coiro, xoguetes de madeira, velas aromáticas, bonecos de tela, pezas de pintura en tela e bombillas decoradas.

A programación do sábado 22 ofrece tamén outras propostas á veciñanza, como os obradoiros do programa Prazas Vivas, no pavillón de Sedes entre as 16.30 e as 18.30 horas ou teatro no Pazo da Cultura, donde a compañía Ron Lalá representará ás 20.00 horas a obra Crimen y Telón.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar