NOVAS

“XI Encontro Escolar de Xogos Tradicionais”: sábado 27 de maio no CPI do Feal

Publicado o 26 de Maio de 2017

O “XI Encontro escolar de xogos tradicionais”, organizado polo Padroado da Cultura de Narón e pola asociación Brinquedia (Rede Galega do Xogo Tradicional) reunirá este sábado, día 27, en Narón, a algo máis de 400 estudantes.

Esta é a cifra de inscritos neste evento, aínda que, tal e como se recalcou desde a organización, as portas do recinto estarán abertas para que poidan participar outros rapaces e rapazas que non se inscribiron previamente. A convocatoria desenvolverase nas instalacións do CPI do Feal, entre as 11.00 e as 18.00 horas, cun descanso sobre as 14.00 horas para xantar, retomándose as actividades a partir das 15.30, tal e como estaba previsto.

O alumnado que se inscribiu nesta convocatoria é maioritariamente de centros de ensino de Narón, aínda que tamén participarán activamente na mesma rapaces e rapazas de colexios de Ferrol, da Capela, de San Sadurniño e de Rábade (Lugo). Ao longo da mañá, tal e como se recordou, terán lugar os xogos concebidos para o público infantil, e pola tarde están dirixidos ao ámbito familiar.

Os rapaces e rapazas que este sábado se acheguen ata o recinto do CPI do Feal terán a oportunidade de participar desde as 11.00 horas en xogos tradicionais, como as carreiras de sacos, o tiro de corda, a ra, o brilé, as carrilanas ou o pano, entre outras propostas, como os tres pés, o aro, xogos musicais, a porca, a goma, a zoadeira ou o peón e así ata completar un programa cunha trintena de propostas.

Pola tarde, a partir das 15.30, terá lugar un espectáculo teatral dirixido ao público familiar e infantil, Paporrubio, a cargo da compañía do mesmo nome. Unha vez que remate esta obra darán comezo as exhibicións de xogos, con: billarda, loita galega, cocha, chaves, lanzamento de goxo e birlos celtas. Además, haberá a posibilidade de participar en obradoiros de construción de enredos, nos que os rapaces e rapazas poderán facer os seus propios xoguetes.

O “XI Encontro escolar de xogos tradicionais” rematará ás 18.00 horas, coa entrega de agasallos aos nenos e nenas que se inscribiron previamente neste evento, co que se aposta por contribuír á difusión do patrimonio lúdico galego e recuperar a práctica dos xogos tradicionais.