NOVAS

Xornadas de Percusión Tradicional no Pazo

Publicado o 15 de Novembro de 2017

O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación de Gaiteiros Galegos na organización dunhas Xornadas de Percusión Tradicional

A convocatoria desenvolverase o vindeiro sábado, día 18, no Café Teatro do Pazo da Cultura e consistirá nunha serie de obradoiros que impartirán varios profesionais da música, tal e como indicou a presidenta do Padroado e alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro. “A percusión de man centrará estas xornadas, dirixidas a persoas interesadas en adquirir unha serie de coñecementos básicos sobre varios instrumentos musicais e, ao tempo, poñer en contacto a diferentes persoas vencelladas á música tradicional galega”, destacou Ferreiro.

O programa previsto para estas Xornadas de Percusión Tradicional comezará ás 10.00 horas coa entrega de documentación e a partir das 10.30 iniciarase o primeiro dos obradoiros, sobre “O pandeiro cadrado na Galiza”, a cargo de dous profesionais da percusión, Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio. Ás 13.10 horas haberá un descanso e ás 13.20 presentarase en primicia a publicación "O tamborileiro técnico", de Marcos Saburido, Kinhos. O autor estará acompañado no acto de presentación por Juan Luna, director da Escola de Música Tradicional Galega “A Pintega Marela”, editora do libro.

Xa pola tarde, a partir das 16.15 horas comezará o segundo dos obradoiros, “Achegamento á pandeireta en Galicia: ritmos”, a cargo de Xermán Muíños e ás 18.30 terá lugar o último, sobre “Pandeireta e canto en Bergantiños”, con Fransy González.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre as xornadas ou inscribirse –son de balde- poden facelo a través dos números de teléfono 986 847 074 ou 982 229 966, ou enviando un correo electrónico á dirección: secretaria@gaiteirosgalegos.gal, sendo preciso facilitar nome e apelidos e un teléfono de contacto. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Esta convocatoria está subvencionada pola Deputación da Coruña.

Ferreiro animou ás persoas interesadas na percusión tradicional galega a inscribirse nestas xornadas “coas que tamén desde o Padroado da Cultura contribuiremos na difusión da música e dos instrumentos tradicionais”.