A zona “camper” do Gulliver Fest de Narón ampliarase ata ofrecer un máximo de 130 prazas

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_MVR3522_edit_paseo.jpg

Esta fin de semana, de venres a domingo, celebrarase na área recreativa de Pedroso a primeira edición do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest. O Concello de Narón e a asociación FurgoGalicia organizan esta cita, cunha programación dirixida a públicos de tódalas idades e cunha zona “camper” para estacionar furgonetas e vehículos durante os días do festival. A elevada demanda de prazas levou á organización a ampliar a zona reservada para este último fin, ata ofrecer un máximo de 130 prazas. Dende a organización convidan á cidadanía a acudir a este evento e desfrutar da completa programación que se desenvolverá esta fin de semana en Pedroso.

As persoas que acudan como público ás diferentes citas programadas no Gulliver Fest disporán de zonas habilitadas para estacionar nas inmediacións da área recreativa, se ben no caso de querer pernoctar é preciso anotarse a través da web do propio evento (www.gulliverfest.es).  

Esta novidosa proposta organizada na cidade ofrecerá unha gran variedade de concertos, xogos populares e tamén sesións de Pechakucha, nas que unha decena de persoas contarán as súas experiencias viaxeiras polo mundo, en solitario ou acompañados por familiares e amizades, en función de cada caso. Entre as historias que se poderán escoitar en primeira persoa está a de Jorge Sierra –o sábado día 3 ás 17.30 horas-, un mozo coruñés que percorreu o mundo nun Citroen 2CV cando tiña 25 anos. A Familia Supertrump e David Val, tamén viaxeiros galegos, serán outros dos protagonistas das sesións de Pechakucha do sábado. 

O público asistente poderá desfrutar na xornada deste venres, día 2, dos concertos de Cachas&Cousins -22.30 horas-, La Chata soul -23.30- e The Skárnivals -01.30 horas-. Así mesmo, o sábado día 3 comezará o programa ás 10.00 horas con clases de ioga, un concerto de Lidya Botana dirixido ao público infantil -12.00- e unha sesión vermú a partir das 13.00 horas con Maina Materia, un grupo integrado por mulleres da comarca. Xa pola tarde, haberá a partir das 16.00 sesións de xogos populares, un obradoiro de chapas -16.30-, as sesións de Pechakucha dende as 17.30 e pola noite terán lugar os concertos de Natural Green -22.00-, The Lákazans -23.30 e Muyayo Rif -01.30 horas-. O programa pechará o domingo cunha sesión vermú ao mediodía, a cargo do grupo naronés Escape Room e unha valoración do Gulliver Fest por parte dos participantes.

As viaxes, a música, a literatura e a natureza centran a temática deste festival da cultura viaxeira, no que tamén haberá un espazo para a Biblioteca municipal no que se poderán consultar, o sábado, diversas publicacións relacionadas coas viaxes e o turismo.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar